A Comisión Executiva da Fegamp, reunida na mañá deste mércores 17de xullo, acordou dar unha marxe ao Goberno para que atenda ao informe do Consello de Estado sobre o anteproxecto de reforma da administración local. Segundo indicou o presidente da Federación e alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, “o prudente é esperar para ver se se fan os profundos cambios que pide o Consello de Estado”.
Para Rey Varela, “parece que o ditame se está tendo en conta e o Goberno vai cambiar varios aspectos do anteproxecto”, polo que avogou por “agardar a ter o texto final para facer valoracións e adoptar as decisións que se consideren oportunas”.
A Fegamp solicitará ademais á FEMP que convoque o seu Consello Territorial para abordar o novo escenario que se abre tras o informe do órgano consultivo, e que reforza a postura dos alcaldes e alcaldesas de toda España á hora de negociar a reforma local co Goberno.
José Manuel Rey destacou ante a Executiva que o informe do Consello de Estado “é un aval a todo o traballo que a Fegamp realizou desde que se abriu o debate da reforma local”. “Apoia non só as nosas alegacións, senón que coincide nalgúns aspectos tamén coas que presentou a Xunta”, o que pon de manifesto “que as reivindicacións do municipalismo galego non só son lexítimas, senón que ademais teñen base xurídica”.
Así, congratulouse de que o Consello de Estado reprobe o concepto do custo estándar, cuestione o redimensionamento das deputacións e alerte do baleirado competencial nos concellos. “Dásenos a razón nas nosas principais alegacións”, subliñou o alcalde ferrolán.
O grupo socialista presentou unha petición de convocatoria dunha asemblea xeral de alcaldes. A Fegamp acordou estudar a súa procedencia unha vez se coñezan os cambios introducidos polo Goberno no anteproxecto. Rey Varela lembrou que en todo este proceso “a Fegamp falou como voz única e lexítima dos concellos, desde unha postura de consenso que é precisamente o que nos dá forza, e que hai que preservar”.
Diálogo co Sergas
Rey Varela informou ademais aos membros da Comisión Executiva dos avances conseguidos tras a recente reunión da directiva da Fegamp coa conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera. “Conseguimos desbloquear dúas ordes de enorme importancia como son a de asistencia a drogodependentes e mantemento de centros de saúde, e doutra banda a de prevención de drogas”, atrasadas respecto dos prazos de anos anteriores.
A Federación valorou positivamente que estas liñas se manteñan, xa que afectan a servizos de especial sensibilidade como son os referidos a drogodependencias, e para os que os concellos destinan fondos propios. “Confiamos en subscribir o convenio anual de asistencia e centros de saúde canto antes para aliviar as castigadas arcas municipais”, manifestou Rey Varela.