Santiago, 17 de xullo de 2013.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, lamentou na mañá deste mércores que o comisario europeo da Competencia, Joaquín Almunia, confirmase unha decisión “inxusta e irresponsable” para o naval e defendeu recorrela pola vía xudicial. Neste sentido, avanzou que xa solicitou formalmente ao Goberno de España que a decisión adoptada hoxe pola Comisión Europea sobre o tax lease sexa recorrida, e que ese recurso inclúa a petición de suspensión cautelar dos seus efectos sobre os investidores dos estaleiros.
En declaracións aos medios, o mandatario autonómico cualificou a resolución adoptada hoxe polo colexio de comisarios de “cuestionable xuridicamente”, “pouco responsable” desde o punto de vista económico e “insensible socialmente”. “Sendo isto así –engadiu- non imos, en ningún caso, darnos por vencidos e imos seguir traballando para garantir o futuro do sector naval”. Por iso, adiantou, “acabo de manter unha conversa co ministro de Industria onde lle solicitei formalmente que o Reino de España recorra ante o Tribunal de Luxemburgo esta decisión e que, ademais, solicite no recurso a suspensión dos efectos económicos desta resolución para a devolución que lles solicita aos investidores”.
Considerou Feijóo que “se o Tribunal de Luxemburgo acepta a suspensión cautelar, teriamos, sen ningunha dúbida, resolto durante bastante tempo o panorama desde o punto de vista de non ter que devolver cantidade ningunha ata que se Luxemburgo resolva”.
A este respecto, o mandatario autonómico expresou o seu convencemento de que “hai argumentos xurídicos suficientes para gañar ese pleito” sobre a base dos principios “de discriminación positiva, de proporcionalidade, de seguridade xurídica e de inacción”.
Referiuse ao tempo transcorrido desde que, no ano 2006 Holanda presentou a reclamación, e Unión Europea non abriu o expediente sobre o tax lease e remarcou que a Unión Europea estivo 6 anos sen abrir un expediente a España. En consecuencia, afirmou, “non nos parece, en ningún caso, achacable nin ao Goberno socialista naquel momento, ni aos estaleiros, nin ás comunidades autónomas, a inacción da UE”. E preguntouse por que, se Francia non tivo que devolver as axudas, ten España que devolvelas. Ao seu xuízo estes son “argumentos moi potentes”.
O presidente galego avanzou, ademais, que “o Ministerio de Industria, a Xunta de Galicia e as Comunidades Autónomas afectadas” seguirán “concretando unha folla de ruta nos próximos días coa Axencia Tributaria, co Ministerio de Facenda, cos investidores e co sector naval para ver cómo atopamos unha solución, a menos mala, para que impacte o menos posible no futuro do sector naval”.
Manifestou o titular da Xunta o seu convencemento de que “hai capacidade” para interpretar a resolución de xeito que sexa compatible “coa posibilidade de seguir facendo barcos e coa posibilidade de atopar financiamento para facer barcos nos estaleiros de Galicia”.
Decisión “cuestionable, pouco responsable e insensible”
Na súa comparecencia, o presidente galego explicou os razoamentos polos que a resolución adoptada na mañá de hoxe é “cuestionable xuridicamente”, “pouco responsable” desde o punto de vista económico e “insensible socialmente”.
Respecto ao primeiro deles, Feijóo incidiu en que se trata dunha decisión cuestionable xuridicamente “toda vez que fomos constatando que a decisión se foi cambiando a medida que transcorrían os días e as semanas”. “Parécenos que é cuestionable xuridicamente porque é desproporcionada e porque é discriminatoria; é cuestionable xuridicamente porque España é tratada de forma distinta a como foi tratada Francia -a España pídeselle que se pague con efectos retroactivos e Francia non tivo un só euro de devolución con efectos retroactivos-; é cuestionable xuridicamente e acredítase que é así porque inicialmente non tiñan que pagar os estaleiros, pero si os armadores e os investidores, e agora non teñen que pagar os estaleiros nin os armadores, pero si os investidores; e é cuestionable xuridicamente porque, en principio, tiña que pagarse desde o ano 2002, despois desde o ano 2005 e agora só a partir do ano 2007”.
Esta resolución “non era sólida nos seus argumentos”, explicou Feijóo, destacando que, proba disto “é que os argumentos se foron cambiando paulatinamente en función da actuación conxunta das comunidades autónomas, do Goberno de España, das organizacións sindicais e dos estaleiros”.
No tocante a que é unha decisión “pouco responsable economicamente”, o mandatario autonómico argumentou que non se facilita, “para nada” a industrialización de España nin a industrialización de Europa no que ao sector naval se refire e que “temos máis problemas dos que tiveron outros países cando foron denunciados como consecuencia de presuntas axudas de Estado”.
En canto a que a medida é “insensible socialmente” Feijóo xustificouno en que “afecta a un país que ten o 26% de paro, e en que afecta á industria naval privada de España, sendo unha industria naval xa moi cativa como consecuencia das distintas reindustrializacións e quebras que foron tendo boa parte dos estaleiros de España”.
Por último, o mandatario autonómico confesou estar “satisfeito”, da “unidade na defensa do sector naval que deu España”. “Estamos satisfeitos polo traballo feito polos presidentes das comunidades autónomas, polos secretarios xerais de CCOO e UXT, por suposto, polo Goberno de España, e polos estaleiros e desde que empezamos esta discrepancia profunda co comisario Almunia ata a resolución hai un camiño andando dunha enorme transcendencia”, afirmou. “Hai tan só quince días estabamos ante o peche seguro de todos os estaleiros de España e hoxe podemos dicir que temos danos, pero que eses danos témolos que controlar e temos que reverter os danos producidos por esa resolución”, abondou.



















Dez minutos antes das 21:30 horas do xoves, o 112 Galicia foi informado polo persoal de Adif dun tren detido no medio dun túnel en Mogor, Mañón, debido a unha chapa metálica no medio da vía. Así, aínda que as doce persoas que viaxaban a bordo estaban ilesas, precisaban medios de rescate para baixalas do convoi e desprazalas ata o apeadeiro máis próximo. Nestas tarefas colaboraron a Garda Civil, os Bombeiros do Eume, o GES de Ortigueira e os voluntarios de Protección Civil de Mañón. Finalmente, as persoas foron rescatadas e evacuadas a outro tren, que as levou ata o apeadeiro sen maiores complicacións. Desde alí, continuaron a súa viaxe en taxi.
Competirán durante tres días xunto a outras dezaseis escolas de todo o mundo, elaborando catro propostas de pizza: Polbo á galega, con polbo galego, queixo San Simón e allada picante; Bosque galego, con crema de castañas e mel picante; Terra meiga, con zorza picante; e Rapadoira, con setas, queixo azul e pera. As estudantes viaxan acompañadas pola súa profesora, Conchi Carreiras, coa que levan tempo preparando as receitas. Esta é a terceira participación do IES de Foz neste certame, no que xa acadaron un segundo posto en edicións anteriores. A actividade forma parte do programa Erasmus+ da FP, financiado pola Unión Europea, que facilita a participación do alumnado en competicións de habilidades profesionais por toda Europa.
A xornada comezará ás 12:00 h cun faladoiro titulado “Vizoso e nós”, no que participarán Pepe Penabade, Pepe Blanco, Caxigueiro, Aurelia Balseiro e Mª Cristina Rubal González, moderados por Antonio Reigosa. Ás 13:20 h abrirase a exposición “Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo”, que permanecerá dispoñible durante as festas de San Lucas. A partir das 13:45 h terá lugar o acto de inauguración e descuberta da placa da nova rúa Xosé Vizoso, na Praza da Fonte Vella, coa presenza de autoridades, familiares e amizades do artista. As persoas asistentes recibirán no auditorio unha lámina cunha obra de Vizoso como agasallo.
Ás 15:15 horas deste martes, un particular solicitou asistencia sanitaria tras a caída dun raio no lugar de Castro de Igrexa (Cazás, Xermade). Varias persoas sentiron os efectos da descarga eléctrica e unha delas quedou atolada. Tras dar aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil e Protección Civil, a persoa afectada foi evacuada consciente ao Hospital Universitario Lucus Augusti.
A exposición, instalada no Centro Comarcal Pazo de San Tomé, invita a observar con calma, descubrir historias e poñer en valor un patrimonio vivo que forma parte da nosa identidade. Unha maneira diferente de achegarnos ao mundo rural que tanto significa para As San Lucas.
Co sol ocultándose e a lúa asomando entre as torres de Donlebún, o músico e divulgador reivindicou o poder evocador e transformador do bravú fronte á morriña paralizante. Na sala de lectura da biblioteca, Souto explicou a evolución do rock bravú no imaxinario galego, evocando as músicas populares que acompañaron durante décadas os remolques dos pascualiños e os labores comunitarios, e lembrando a vitalidade de grupos como Skornabois, Diplomáticos de Monte Alto, Xenreira, Zënzar, Pinto de Herbón ou os Rastreiros. A boa lembranza da súa anterior visita levou ao artista a pechar a velada interpretando o “Himno de Ribadeo”, composto por Arturo Mogo, nun final cheo de afecto pola vila e pola súa identidade cultural.
A viaxe, enmarcada no proxecto «Relevo Xeracional: O Futuro do Mar» e organizada en colaboración co GALP Itsas Garapen Elkartea, permitiu achegarse a iniciativas como Kofradia Basque Seafood, a Escola de Pesca de Ondarroa, AZTI, Albaola ou o Itsas Museo de Donosti, así como a proxectos vinculados directamente á actividade pesqueira e á divulgación, incluíndo o uso de realidade virtual. O intercambio con Euskadi permitiu coñecer modelos que combinan formación, investigación, transmisión do coñecemento e modernización do sector, contribuíndo a identificar novas vías para facilitar a incorporación da mocidade á actividade pesqueira e garantir a continuidade das comunidades costeiras galegas.



