Cervo, 19 de xullo de 2013-Cervo deu a coñecer hoxe os actos previstos na Romaría de Sargadelos na honra de Santiago Apóstolo que terá lugar os días 24 e 25 deste mes e que organiza a Asociación Cultural Recreativa Fervenza de Sargadelos coa colaboración do Concello de Cervo. Un programa que inclúe actividades lúdicas, musicais e gastronómicas durante os dous días nun enclave de luxo como é o Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos.
O alcalde de Cervo, Alfonso Villares e a edil de Cultura e Turismo, Begoña Alonso, presentaron o cartel e o programa xunto a Xosé Fernández, presidente da asociación, Ramiro Chaves, vicepresidente e Sandra Duarte, vocal. A romaría arrincará o mércores día 24 de forma oficial co lanzamento das bombas de palenque ás 12:00 horas. A sesión vermú a cargo de “Alma Latina” (14:00 horas) será o primeiro evento musical das festas e continuará co xantar de romaría, unha hora despois.
Xa pola tarde, ás 20:00 horas, ofrecerase unha pancetada e chourizada seguida do concerto do grupo “A Requintada da laxeira” ás 22:15 horas. Unha vez rematada a actuación, ás 23:30 horas será o momento de gozar coa Queimada gratuíta, con ritual incluído ofrecido por Nando Blas. A música continuará ás 00:00 horas con “Alma latina”, que volverá para amenizar a verbena. A sesión DJs, a partir das 3:00 horas, porá fin á noite.
O 25 de agosto, o día de Santiago Apóstolo, de novo as bombas de palenque marcarán o inicio dos festexos da xornada ás 12:00 horas. Unha hora máis tarde terá lugar a misa cantada polo Coro Parroquial de Cervo, e procesión ás 13:30 horas co Grupo de Gaitas Airiños do Xunco. O Dúo Epo-K ofrecerá a sesión vermú ás 14:00 horas, seguido do xantar de romaría ás 15:00 horas. O mesmo dúo será o encargado de animar a verbena a partir das 22:00 horas.
Unha romaría que inclúe zona de acampada gratuíta no Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos, algo que lle confire “un encanto especial” explica a edil de Cultura e Turismo, Begoña Alonso, xa que “se trata de un lugar privilegiado en el que vivir una romería con muchos años de tradición y de éxito” remata Alonso.
Nesta edición farase necesario reservar mesa para comer, chamando aos teléfonos 651 12 83 13 e 620 14 50 38.























Os servizos sanitarios trasladaron ao hospital a tres persoas implicadas nunha colisión frontal en Castro de Rei. Unha delas tivo que ser excarcerada polos Bombeiros de Vilalba. Contra as 11:15 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun choque entre dous vehículos no quilómetro 71 da N-640, á altura da parroquia de Viladonga. Desde o punto, os alertadores sinalaron que unha persoa permanecía atrapada. Desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias activouse un operativo no que participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada. Os bombeiros liberaron á persoa, que foi trasladada xunto con outros dous feridos ao hospital en ambulancia.
A viaxe, enmarcada no proxecto «Relevo Xeracional: O Futuro do Mar» e organizada en colaboración co GALP Itsas Garapen Elkartea, permitiu achegarse a iniciativas como Kofradia Basque Seafood, a Escola de Pesca de Ondarroa, AZTI, Albaola ou o Itsas Museo de Donosti, así como a proxectos vinculados directamente á actividade pesqueira e á divulgación, incluíndo o uso de realidade virtual. O intercambio con Euskadi permitiu coñecer modelos que combinan formación, investigación, transmisión do coñecemento e modernización do sector, contribuíndo a identificar novas vías para facilitar a incorporación da mocidade á actividade pesqueira e garantir a continuidade das comunidades costeiras galegas.
A artista, referente da música popular galega, conectou cun público diverso que gozou dunha sesión vermú marcada por máis de trinta anos de traxectoria. O concerto serviu tamén como despedida e recoñecemento a Valentín González e Viviana Pérez, que deixan a organización da comisión de festas tras dúas décadas. O deputado de Mocidade, Daniel García, destacou a importancia da implicación veciñal para manter vivas as celebracións que fortalecen a identidade comunitaria e reafirmou o apoio da Deputación ás redes asociativas e á programación cultural en galego. A actuación forma parte da iniciativa provincial para achegar música tradicional e en galego a todos os públicos.
Cómpre sinalar que este produto conta cun distintivo de calidade diferenciada, a Indicación Xeográfica Protexida Faba de Lourenzá, un dos 36 selos recoñecidos en Galicia que amparan a súa excelencia. Neste sentido, a Xunta vén de lanzar a nova marca Aquí Sabemos, coa que se busca reforzar o coñecemento e a identificación por parte dos consumidores dos produtos alimentarios galegos protexidos por figuras de calidade diferenciada.
Co sol ocultándose e a lúa asomando entre as torres de Donlebún, o músico e divulgador reivindicou o poder evocador e transformador do bravú fronte á morriña paralizante. Na sala de lectura da biblioteca, Souto explicou a evolución do rock bravú no imaxinario galego, evocando as músicas populares que acompañaron durante décadas os remolques dos pascualiños e os labores comunitarios, e lembrando a vitalidade de grupos como Skornabois, Diplomáticos de Monte Alto, Xenreira, Zënzar, Pinto de Herbón ou os Rastreiros. A boa lembranza da súa anterior visita levou ao artista a pechar a velada interpretando o “Himno de Ribadeo”, composto por Arturo Mogo, nun final cheo de afecto pola vila e pola súa identidade cultural.
O evento ofrecerá mel, produtos de tempada, artesanía, gastronomía e outras propostas locais. O Concello do Valadouro mantén aberto o prazo de inscrición para persoas e empresas expositoras, que poden presentar a súa solicitude na sede electrónica ou nas oficinas do Centro Socio-cultural, Xuvenil e da Terceira Idade “Manuel Lourenzo” ata o martes 6 de outubro, ou ata completar os postos dispoñibles.
Neste espazo radiofónico Félix Jorquera falou coa alcaldesa de Lourenzá, Rocío López; co concelleiro de Cultura, Manuel Arango; con José Cuadrado, presidente da Indicación Xeográfica Protexida Faba de Lourenzá e pregoeiro desta edición da festa; co chef Pedro Barreira; e con Antonio Irimia, presidente do club VespaFaba & Clásicos, de Lourenzá. Por diante queda toda unha fin de semana chea de actividades arredor da faba de Lourenzá. Os organizadores animan a acudir a esta cita.



