O Consello da Xunta aprobou este xoves o Decreto polo que se fixan os prezos correspondentes aos títulos universitarios de carácter oficial no ensino universitario para o curso 2013/14, a través do cal a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria conxela os prezos públicos en todas as matrículas universitarias. Deste xeito, Galicia consolídase como unha das comunidades autónomas cos prezos de matrícula de grao e máster máis baixos de España. Cómpre lembrar que este é o segundo curso consecutivo en que Galicia mantén conxelados os prezos de 1ª matrícula de grao universitario, engadindo agora o resto das matrículas a este non incremento, o que supón unha clara aposta do Goberno galego por que ningunha persoa teña que abandonar os seus estudos por mor da crise económica.
Os prezos recollidos neste decreto recibiron informe favorable no Consello Galego de Universidades celebrado o pasado 28 de xuño. Unha vez que se publique o presente decreto no Diario Oficial de Galicia, cada universidade emitirá unha resolución reitoral que adaptará os procedementos e prazos de matrícula ás disposicións do presente decreto.
Máis bolsas de apoio ao alumnado
Ademais da conxelación dos prezos públicos, o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad está a desenvolver unha forte política social no eido universitario, incrementando as liñas de axudas económicas dirixidas ao estudantado. Neste sentido cómpre lembrar que este 2013 a Consellería convocará por segundo ano consecutivo as axudas para o inicio e continuación de estudos universitarios oficiais de grao dirixidas a aquel alumnado que non cumpre cos novos requisitos académicos exixidos para acceder ás bolsas do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte. Ademais, a Xunta de Galicia incrementa este ano estas axudas nun 71,5% respecto do orzamento destas na anterior convocatoria, o que suporá unha achega de 1 millón de euros para esta iniciativa. Desta bolsas poderían beneficiarse arredor de 1.500 estudantes.
Ademais, convocarase unha nova liña de axudas para a matrícula en cursos oficiais de máster durante o curso 2013/14. Esta acción vai dirixida ás persoas en situación de desemprego, co fin de facilitar a súa reincorporación ao mercado laboral mediante unha formación especializada, orientada ao exercicio profesional. Para iso a Consellería subvencionará o custo da matrícula naqueles máster especialmente orientados ao acceso ao mercado de traballo.
Estas dúas novas convocatorias de bolsas, que suman un total de 1,2 millóns de euros, engádense ás 5 liñas de apoio ao estudantado universitario que xa foron publicadas ao longo deste ano. As 7 convocatorias supoñen un total de preto de 3 millóns de euros destinados a apoiar o alumnado.