O vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, presentou, esta mañá, as VII Xornadas de Condución Segura para persoas con discapacidade física xunto a Avelino Basanta, piloto de rallyes con discapacidade e coordinador das xornadas e da asociación que leva o seu nome; Elva Carreira, tenente de alcalde de A Pastoriza, e Antonio Solórzano, en representación da PTC Escola.
Estas xornadas,de carácter gratuíto, que teñen como propósito que as persoas con discapacidade física poidan aprender a manexar vehículos adaptados ás súas necesidades en condicións adversas, terán lugar este domingo, día 7 de xullo, durante todo o día no circuíto de A Pastoriza, organizadas pola Asociación Basanta Motorsport co apoio da área de Deporte do organismo provincial.
A actividade vaise desenvolver en quendas de mañá e tarde, cun xantar de confraternización polo medio, e van participar de xeito directo e gratuíto na condución máis de 20 persoas pertencentes a tres colectivos: persoas con mobilidade reducida e discapacidade, condutores noveis e maiores de 65 anos. Por un lado haberá unha parte teórica na que se explicarán cuestións técnicas de condución e conceptos básicos de mecánica e, por outro, unha práctica no propio circuíto e na estrada para traballar aspectos como a perfección ao volante e para coñecer de primeira man situacións de risco que poden aparecer durante a circulación.
Segundo destacou Antonio Veiga, “desde a Vicepresidencia da Deputación apoiamos este proxecto desde un primeiro momento porque a ilusión e o esforzo de Avelino poden e deben ser para todas e todos nós un exemplo a seguir no eido deportivo, pero que en realidade transcende e vai moito máis aló, constituíndo un firme exemplo de experiencia vital de superación”.
“A ninguén se lle escapa – continuou Veiga- que este tipo de accións de formación na condución posibilitan que as persoas con mobilidade reducida, persoas maiores e condutores noveis, teñan acceso a adquirir destrezas ao volante que doutra maneira nunca terían, co que se logra tamén reducir a siniestralidade”.
Pola súa banda, Avelino Basanta agradeceu o apoio “que desde a área de Benestar Social e Deporte da Deputación, posto que sen esa axuda sería imposible levar a cabo estas xornadas, que propician que moitas persoas con discapacidade, condutores noveis e persoas maiores aprendan a adaptar os seus vehículos e a condución ás súas circunstancias, aportando unha maior seguridade e evitando accidentes, ademais de compartir experiencias a través das cales mellorar as súas destrezas ao volante”.