Foz, 17 de xullo de 2013. Esta xornada o Portavoz Nacional do BNG, Xavier Vence, estivo na comarca da Mariña na compaña de responsábeis orgánicos e institucionais do BNG a fin de participar dos actos preparatorios do Día da Patria que esta organización vén desenvolvendo nas dúas últimas semanas.
Ana Ermida, responsábel comarcal do BNG na Mariña, indicou na súa intervención que o “forte destes actos preparatorios desenvolverase na fin de semana, comezando o venres cun acto lúdico e reivindicativo no Cantón de Ribadeo, continuando o sábado coa tradicional chicharrada en Foz, e rematarán o domingo co manifesto nacionalista polo Día da Patria que a organización organiza en Barreiros”.
Ermida quixo facer tamén unha chamada á mobilización á poboación da Mariña, xa non só a participar neste actos que desenvolve o BNG mariñán, senón á gran mobilización patriótica que o 25 de xullo partirá ás 12 da mañá da alameda compostelá. Ana Ermida lembrou que se porán ao dispor buses gratuítos para todos os veciños e veciñas da Mariña que o desexen poidan empregar o transporte colectivo apuntándose no teléfono 982 140 654.
Ermida afirmou que “son tempos de mobilización e loita e esta idea esta a callar na sociedade como mostra o importante número de persoas que xa se teñen apuntado nos locais do BNG para participar na mobilización que será histórica, para pór en valor a capacidade mobilizadora do nacionalismo.
Pola súa banda, o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, na súa visita á Mariña, na que tamén aproveitou para participar nunha asemblea comarcal organizada polo BNG da Mariña para analizar e debater sobre o Día da Patria, manifestouse a razón da ofensiva recentralizadora que se está a vivir no conxunto do país e que ten “unha expresión moi clara no reforzamento das provincias a través da concentración dos servizos na capitalidade. Non hai dúbida de que a provincia é un instrumento central da ofensiva centralizadora do Estado, e todo o implica aumentar as competencias ás provincias significa afastar servizos dos usuarios”.
Vence lembrou que “decisións como o desmantelamento da oficina da Axencia Tributaria de Foz, que daba servizo a toda a Mariña, e que tamén é aplicable a moitas outras delegacións de facenda de moitas outras comarcas galegas, ou a decisión de eliminar áreas de xestión sanitaria como fixo na comarca da Mariña e con anterioridade noutras comarcas do país, como Verín e o Barco”.
Segundo afirmou Xavier Vence, “esta decisión lonxa o servizo dos cidadáns, xa que aínda hoxe un traslado da Mariña a Lugo é unha hora de viaxe e tamén representa un impacto na economía desta comarca, porque hai que lembrar que o Hospital da Costa é o segundo centro de emprego da Mariña”. Non quixo o portavoz nacionalista deixar de referirse á proposta que o goberno do Estado acaba de poñer enriba da mesa para suprimir os partidos xudiciais. Neset sentido, Vence afirmou que “a desaparición dos xulgados de Viveiro, pero especialmente a de Mondoñedo, implicaría que, ademais de afastar estes servizos dos veciños e veciñas da Mariña e colapsar os xa saturados xulgados da cidade de Lugo, a economía e poboación mindoniense recibisen un golpe difícil de superar”.
Vence tamén sinalou que “na ofensiva recentralizadora hai que situar tamén a lei de reforma do réxime local, que non vai servir para facer máis eficientes os concellos, senón que pola contra o único que vai facer será agravar a situación actual, posto que a reforma pendente no ámbito local en Galiza ten que tocar necesariamente o financiamento, dotando os concellos dun sistema de financiamento que teña en conta a nosa realidade nacional, coa súas características de dispersión ou avellentamento da poboación”.