O Valadouro, 9 de agosto de 2013.- O presidente e portavoz do Grupo Municipal do Partido Popular no Valadouro, José Manuel Lamela ofreceu este venres unha rolda de prensa -acompañado dos concelleiros populares- para dar conta da decisión da súa formación política de impugnar os orzamentos locais para o ano 2013. Os populares veñen de iniciar unha batería de recursos contra as contas municipais por entender que son nulas de pleno dereito. Entre as iniciativas impulsadas polo PP se inclúen desde a petición formal dunha revisión de oficio do acordo plenario nas que se aprobaron ata unha denuncia ante a Subdelegación do Goberno en Lugo, a formalizar cando as contas sexan definitivas.
Entre os argumentos empregados polo PP para rexeitar os orzamentos locais está a polémica contratación dun asesor -persoal de confianza, nomeado a dedo- que se encargará de coordinar as concellarías en mans de Udival. Os populares sinalan que empregar este procedemento excepcional ademais de desproporcionado e innecesario para un concello de menos de 2.500 habitantes, incumpre a lexislación estatal sobre control do déficit e estabilidade orzamentaria.
No PP están convencidos que as funcións que realizará esta persoa -previsiblemente o número 4 da lista de Udival que non logrou a súa acta de concelleiro- poderían ser asumidas perfectamente por persoal municipal ou por un traballador contratado a través dun proceso selectivo normal no que se respecten os principios de publicidade, mérito e capacidade, nunca polo procedemento excepcional empregado
Con todo a principal irregularidade radica no incumprimento la lexislación estatal, que converte ao orzamento nun documento nulo de pleno dereito. O art. 23.Dous da Lei 17/2012, de 27 de decembro, de Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2013 -LPXE 2013-, di textualmente que “durante o ano 2013 non se procederá á contratación de persoal temporal, (…) salvo en casos excepcionais e para cubrir necesidades urxentes e inaplazables” En opinión do PP ningún destes condicionantes de urxente necesidade poden predicarse da contratación deste asesor nomeado a dedo.
Outra das razóns que fan necesario rexeitar as contas aprobadas polo tripartito do Valadouro teñen que ver coa insuficiencia de recursos en áreas tan sensibles como os servizos sociais. A negativa da Deputación a asumir a parte que lle corresponde para o financiamento do servizo de axuda no fogar, segundo a Lei aprobada polo bipartito, fai que a partida prevista polo concello para o sostemento deste servizo sexa insuficiente. Esta situación obrigará como mínimo a incrementar as aportacións que fan os usuarios, resultado dunha falta de compromiso e de sensibilidade do bipartito provincial que incumpre a súa obriga de cooperación cos concellos.
VOTO EN CONTRA
O Partido Popular do Valadouro xa fixo constar, co seu voto en contra, a oposición á aprobación dos orzamentos municipais na sesión plenaria que tivo lugar o pasado 9 de xullo. Naquel momento ademais destes argumentos hoxe reiterados que amosan a nulidade das contas, os populares explicaron que non podían aceptar uns orzamentos que incrementaban nun 22% a partida de festas populares e non incluían ningunha consignación orzamentaria para a posta en marcha dun plan de emprego.
Aínda que o contido global do orzamento varía moi pouco respecto das contas que presentou no seu día o PP -menos dun 2%- as poucas modificacións incluídas teñen un peso relevante para xustificar a posición contraria dos populares xa que logo o nomeamento do asesor e o resto das irregularidades descritas fan do resultado final un documento a rexeitar.
Finalmente o PP indicou que coa revisión de oficio o tripartito municipal ten un prazo de tres meses para resolver a impugnación e, no caso da denuncia ante a Subdelegación do Goberno -que se formalizará unha vez as contas sexan definitivas- poderán ser requiridos a anular os orzamentos por manifesto fraude de lei. Os populares sosteñen que executar os orzamentos tal e como están formulados sería lesivo para os intereses dos veciños do Valadouro.