Lourenzá, 19 de setembro de 2013. A alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez Chao, acusa de sectarismo ao goberno da Deputación de Lugo despois de recibir unha carta na que o organismo provincial comunica ao Concello que non lle concederá ningunha axuda económica para a Festa da Faba deste ano.
Despois de recibir o escrito asinado polo deputado provincial delegado da Área de Cooperación e Asistencia ós Concellos, a rexedora municipal manifestou: “hoxe, desgraciadamente, teño que denunciar unha vez máis o sectarismo da Deputación de Lugo para o Concello de Lourenzá. Eu quero que os laurentinos saiban o que está a pasar cos socialistas na institución provincial”.
Emma Álvarez explicou que “desde o Concello solicitouse axuda para a Festa da Faba o día 3 de xuño. Esta festa viña contando cunha subvención nominativa de 3.000 euros ano tras ano desde o 2007. Por iso neste 2013 volvemos pedila, como viña sendo habitual. Ao ver que non recibíamos resposta levamos ao pleno da corporación municipal unha moción na que instabamos á Deputación de Lugo a manter a mesma axuda. Froito desa moción agora contéstannos que debido á diminución do orzamento non nos poden axudar economicamente. E eu quero recalcar que isto non é certo, porque se temos en conta as axudas nominativas que tiña a Deputación de Lugo no ano 2007 a Festa da Faba de Lourenzá recibía 3.000 euros e se hoxe a comparamos con outra festa de interese turístico galego, como pode ser o festival de Pardiñas, en Guitiriz, no ano 2007 este evento non tiña nada e no 2012 obtivo unha subvención nominativa de 4.000 euros. Non é certo, polo tanto, que sexa por motivos económicos, senón que están a distribuír os cartos como eles queren”.
A alcaldesa aclarou que “loxicamente eu non teño nada en contra do festival de Pardiñas e alégrome de que lles deran 4.000 euros. O que si me gustaría é que aclarasen por que a Guitiriz lle dan 4.000 euros, cando non a tiña; e a Lourenzá, nada, cando estábamos a recibir unha subvención de 3.000 euros. Isto mesmo xa pasou o ano pasado. No 2012 non nos deron a subvención nominativa e ao final o que fixeron desde a Área de Cultura da Vicepresidencia Primeira foi pagarnos unhas facturas de gasto corrente”.
Á rexedora de Lourenzá non lle parece axeitado “que mintan descaradamente e que o fagan nun documento oficial, como é unha carta que onte mesmo recibín. Nesa comunicación din que eles continúan a apoiar as festas de interese turístico galego, e iso é mentira porque vemos as subvencións nominativas que teñen colgadas nos orzamentos da Deputación de Lugo e hai un montón de festas, coma por exemplo a da fabada de Cervo que non é de interese turístico e conta cunha axuda de 3.000 euros aínda este ano. A feira do mel do Concello de Lugo tamén ten unha axuda de 4.500 euros ou a festa da empanada do Concello de Chantada, que recibe 3.000 euros. Non teño nada en contra de que se dean subvencións a outros Concellos, pero paréceme que se debería facer de xeito equitativo”.
Álvarez Chao considera que a Deputación luguesa debería ter en conta que “na Festa da Faba nós estamos a promocionar algo que se produce en toda A Mariña e na da fabada de Cervo, tal e como saíu na prensa, os propios organizadores recoñeceron que compraran as fabas nos mercados que hai en Vegadeo os sábados á mañá. Iso quere dicir que a Deputación de Lugo estivo a financiar festas para promocionar produtos que non son da nosa provincia”.
A alcaldesa engadiu que “na mesma carta dinme que continúan a facer o posible por apoiar economicamente as festas de interese turístico galego en contra do que fai a Xunta de Galicia. Estamos diante doutra mentira dos socialistas en documento público, xa que a Xunta o 13 de maio sacou unha orde de subvencións en réxime de concorrencia non competitiva, que son subvencións aos Concellos en apoio, promoción e difusión das festas declaradas de interese turístico galego. Ditas axudas poden chegar ata os 3.000 euros se se xustifica o gasto. Son axudas con criterios obxectivos, moi lonxe do partidismo político que están a facer os socialistas na Deputación Provincial de Lugo; e agardamos que sexa resolta positivamente a subvención que este Concello ten pedida”.
Emma Álvarez comentou tamén: “dinme que economicamente non me poden axudar, pero que si que me poden amosar o seu apoio a través da Fundación TIC. Esta mañá chamei á Deputación para que me dixesen en que me poden axudar e non me soubo contestar a propia secretaria do deputado delegado da Área de Cooperación e Asistencia aos Concellos. E o que me parece o colmo dos colmos é que hai uns días o secretario xeral dos socialistas laurentinos ofrecera á comisión de festas do San Marcial uns xogos do programa Lugoteando, logo de que lle comentaran que as actividades do día as facía o Concello con cargo ao presuposto da Festa da Faba non tivemos máis coñecemento ao respecto. Eu mesma tentei poñerme en contacto co secretario dos socialistas laurentinos para dicirlle que nós estabamos dispostos a incorporar eses xogos no noso programa e non me colleu o teléfono. Acto seguido falo coa portavoz municipal socialista e tras falar outra vez ela co secretario xeral decidiron que estes xogos non se axeitaban á época do ano na que se celebra a Festa da Faba e que os deixaban pendentes para outra ocasión. Cal é a miña sorpresa cando onte na mesma carta na que me negan a subvención me ofrecen o programa Lugoteando para os días 5 e 6 de outubro en horario de 15 a 20 horas e na praza de maior afluencia de xente do Concello. A estas alturas comprenderán que a Festa da Faba xa ten un programa pechado e de ofrecerme estes xogos teríamos que encaixalos para que non se solapasen unhas actividades coas outras”.
Por todo isto a rexedora municipal de Lourenzá considera “absolutamente lamentable a actitude que están a ter os socialistas á fronte da Deputación de Lugo. O único que están a facer é partidismo e sectarismo político. Pobre dos galegos e galegas se o que agora é presidente da Deputación de Lugo algún día chega a estar á fronte da Xunta de Galicia, porque o noso país tería un grave deterioro e retroceso social por mor da discriminación sectaria que este señor está a facer xa desde a institución que agora preside e que podería ser maior en caso de que, Deus non o queira, chegara algún día á presidencia da Xunta de Galicia”.

















Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continou con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.



