Lugo, 13 de setembro de 2013. O vicepresidente da Deputación de Lugo e responsábel das áreas de Benestar Social e Deporte, o nacionalista Antonio Veiga, visitou este venres o centro ForGa para asistir ao inicio do curso de formación, sufragado pola Área de Benestar Social e Igualdade da Deputación, destinado a mulleres desempregadas para capacitalas no desenvolvemento de actividades lúdico-saudábeis para a infancia e a mocidade.
Tal e como sinalou Antonio Veiga, poñendo en marcha estas accións formativas “trátase de facilitar o acceso e mantemento das mulleres no mercado laboral xa que a taxa de desemprego séguese cebando no noso país en maior medida co sector feminino. A magnitude da crise económica é moito máis dramática entre as mulleres: maior inestabilidade no emprego, incorporación escasa e tardía ao mercado de traballo, remuneracións máis baixas para o mesmo posto de traballo fronte aos homes xunto ás elevadas taxas de paro, definen a realidade dunha parte importante das mulleres do noso contorno”.
Veiga quixo deixar claro que “a nosa preocupación desde a Institución na que traballamos pola situación laboral e económica dos e das lucenses lévanos a actuar na medida das nosas posibilidades en todas as accións que nos parecen de interese para a formación das persoas e para creación de emprego, así como no mantemento dos servizos sociais da nosa provincia”.