Ribadeo, 4 de setembro de 2013. Ata o pasado 31 de agosto foron preto de 65.000 persoas as que se achegaron ás oficinas de turismo da vila e das Catedrais en busca de información do concello. Os datos dábaos a coñecer esta mañá a concelleira de Desenvolvemento Local e Turismo de Ribadeo, Ana Martínez. Ademais 3.889 peregrinos chegaron a Compostela a través do Camiño Norte. Os albergues de Ribadeo e Vilela rexistraron unha ocupación altísima neste 2013.
A edil nacionalista sinalou que “dende o Concello estamos contentos e mesmo impresionados, pois se a día 18 de agosto facíamos un balance de 45.000 persoas que solicitaron información nas dúas oficinas de turismo (na da vila e na das Catedrais), o que xa era un dato importante, agora, con datos do 31 de agosto, temos que indicar que foron preto de 65.000 as persoas que se achegaron a pedir información. En concreto falamos de 63.824 persoas que pasaron polas oficinas de turismo, onde este ano por primeira vez se contou con 8 informadores turísticos, aos que lles quero agradecer publicamente o seu traballo intenso botando horas de máis desinteresadamente para informar de todo o que o visitante se pode atopar en Ribadeo e tamén na praia das Catedrais, que é a máis demandada á hora de pedir información turística. Pero tamén se facía fincapé no resto do concello: a nosa ría, a oferta gastronómica, a calidade da hostalería, as múltiples actividades coas que Ribadeo atende a visitantes e propios durante o verán e tamén no resto do ano”.
Martínez dixo que “así cada día en Ribadeo se podía vivir durante o verán unha experiencia de música, de teatro, de xogos para nenos… En fin, unha serie de actividades que día a día ían facendo que o noso concello se converta nun destino emerxente, ao que cada día acude máis xente para gozar das súas vacacións”.
Sobre a procedencia destes viaxeiros, “é fundamentalmente un turismo nacional ao que ano a ano tamén se lle vai sumando o turista internacional, que neste 2013 acadou unha porcentaxe no global dun 10,5% con máis de trinta nacionalidades as que se pasaron por Ribadeo lideradas, como cada ano, por franceses, alemáns e italianos. E o turismo nacional segue liderado pola comunidade de Madrid, seguido de casteláns, vascos e cataláns. Este ano houbo un incremento de visitantes procedentes de Andalucía e mesmo de Murcia”, relatou a concelleira de Turismo ribadense.
Ana Martínez tamén subliñou a importancia que ten para o turismo de Ribadeo o Camiño de Santiago, “xa que somos a porta de entrada a Galicia polo Camiño do Norte e iso supón que a maior parte dos peregrinos que se achegan a Santiago por esta vía o fagan desde Ribadeo. Así só neste mes de agosto, segundo a Oficina do Peregrino de Santiago de Compostela, realizaron o Camiño do Norte 3.889 persoas. E durante todo o verán estivemos co albergue de Ribadeo a tope e o que temos en Vilela moitos días tamén estivo cheo de xente”.
Para Martínez “todos estes datos indican que este verán Ribadeo estivo a tope, como se podía ver. Estivo como nunca, con varios días nos que a xente non atopaba nin unha soa cama valeira para pasar a noite, xa que durante os primeiros 20 días de agosto a ocupación hoteleira estivo roldando o cen por cen. E mesmo polas rúas víamos un rebulir de xente, coa sorte que tivemos neste mes agosto co tempo, que tamén nos foi acompañando”.
Importante motor económico
A concelleira de Turismo tamén se referiu ao fenómeno turístico da praia das Catedrais “que ten moito que ver neste despunte. Por iso quero pedir de novo ás administracións competentes, como levo facendo todo o verán, que se tomen as medidas axeitadas para non estragar este motor económico que fai, non só de Ribadeo senón da Mariña e mesmo de gran parte de Galicia e de Asturias, un destino importante”.
A edil nacionalista salientou que “A Mariña, polas informacións que se foron dando estes días, foi o destino que máis medrou este verán e creo que o fenómeno da praia das Catedrais ten moito que ver. Gustaríame resaltar que durante a xornada do 16 de agosto fíxose un reconto real da xente que baixou á praia: dende as 10 da mañá ata as 8 da tarde estívose contando persoa a persoa aos que visitaron o areal das Catedrais e podo afirmar que foron 10.923 persoas as que baixaron á praia. Entón eu entendo que isto é insostible se non se ordena. Non se poden pechar os ollos a unha evidencia e tampouco se pode perder a oportunidade que a natureza nos brinda de disfrutala pero tamén de coidala”.
O punto de información turística das Catedrais estará aberto ata o vindeiro mes de outubro, ata a ponte do Pilar
Ana Martínez tivo palabras de agradecemento “para a hostalería, o comercio e a cantos participan na actividade turística en Ribadeo polo seu bo facer, pola súa profesionalidade. Dende o Concello seguimos apostando por novas propostas que permitan, na medida do posible, ir desestacionalizando o turismo para facer desta industria un elemento importante no desenvolvemento económico do concello, buscando sempre a calidade e o bo servizo e procurando esa interrelación entre todos os sectores, facendo así unha oferta conxunta, atractiva e diferenciadora”.



















A piscina abrirá de luns a venres de 8:30 a 13:00 e de 15:30 a 22:00, e os sábados de 8:30 a 14:30. O ximnasio manterá horario continuo de luns a venres, de 8:30 a 22:00, e os sábados de 8:30 a 14:30. A tempada arrinca tras diversas melloras nas instalacións, entre elas a renovación da cuberta do polideportivo, cun investimento de 195.000 euros, así como a substitución de portas de emerxencia, a intervención en pontóns das piscinas e o cambio das huellas de volteo. O Concello continúa así reforzando o mantemento e a seguridade dun complexo utilizado diariamente por numerosos veciños e deportistas.
Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partiron de regreso a Loktudi.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Este luns, 14 de setembro, deu comezo un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.



