Manuel Dios Diz.- Xa sei que leva varios anos en funcionamento. Trátase da Comisión de Seguimento do Plan Director de Convivencia e Seguridade Escolar que preside o Delegado do Goberno en Galicia, Samuel Juárez. En realidade ten un nome máis alongado, “Plan Director para la Convivencia y Mejora de la Seguridad en Centros Educativos y sus entornos”. Din que participaron moitos colexios e institutos no curso pasado. Nada menos que 678 e algo máis de 80.000 alumnos e alumnas e case que 5.000 pais, nais e titores. Entre as actividades máis demandadas estiveron as charlas de prevención do acoso en Internet e nas redes sociais (ciberacoso), fomento da convivencia escolar, bandas xuvenís, prevención da violencia en xeral. Por suposto non esquezo a vixianza e seguridade nos arredores dos colexios e institutos, a actividade máis propia da policía nacional e a garda civil.
Sen embargo, debo recoñecer que cando vin estas imaxes publicadas en varios medios de comunicación, logo da Roda de Prensa de presentación do Plan para o curso académico que comeza, doume un arrepío.
Comparto que os corpos e forzas de seguridade do estado fagan labores de vixianza nos arredores dos centros escolares para garantir a protección dos cativos e cativas, a delincuencia ou o tráfico ou venda de substancias prohibidas. Sen dúbida é un dos seus cometidos. Vaia polo tanto o meu recoñecemento e gratitude.
Agora ben. Non sei a que ven poñer en relación estas medidas de protección coa convivencia escolar. Sinceramente, non o entendo. A educación nos colexios e nos institutos é responsabilidade principal do profesorado. Tamén nos asuntos relacionados coa convivencia e a súa mellora. Polo mesmo, a prevención das violencias, do acoso ou ciberacoso, a conflitividade é unha competencia interna de cada centro educativo, ten que figurar, e figura, no seu plan de centro, no seu proxecto educativo e, nomeadamente, nos Plans de Convivencia.
Por que entón o interese en vincular churras con merinas?. A convivencia coa seguridade nos arredores dos centros?. O profesorado cos policías e gardas civís?. Haberá quen diga: xa están aquí os esquerdistas de sempre e os seus prexuízos contra das forzas policiais. Ou, son cousas dos buenistas que todo o arranxan con pombas e globos…
A dereita política, de maneira especial a galega, tradicional onde a haxa, cando atopa un problema, tende a vincular a súa solución coa policía, o exército ou a garda civil. Non é broma. Basta lembrar a cantareira deste verán, os lumes son cousa dos incendiarios. Ben, e a partir de aquí, hai algo máis?. Algo para prevelos?. Responsabilidades políticas?. Como dicía recentemente o deputado de AGE, Antón Sánchez, é como si repetiramos ata a saciedade que a delincuencia é responsabilidade dos delincuentes. Ben, e que máis?.
O Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, probablemente o máis activo demoledor da educación pública en Galicia, da súa lingua e cultura, desde logo o peor da historia da autonomía galega, é un experto en leis, sentenzas, mellor dito, en pasalas polo forro, e en declinar responsabilidades, pasándollas sempre a outros. E en temas de convivencia escolar un auténtico inútil. Tan pronto chegou ó goberno da Xunta de Galicia, ignorou e ocultou todo o que nesta materia tiñamos avanzado, fundamentalmente, o Plan Integral de Mellora da Convivencia Escolar, asinado por máis de 40 entidades representativas da comunidade educativa, ou os Plans de Convivencia de Centro e o Observatorio Galego da Convivencia Escolar. No seu lugar, aprobou unha lei de autoridade, sen acordo algún, sen escoitar a ninguén, e meteu pola porta gateira, especialidade de Abad, a famosa enquisa ós pais e nais sobre o galego, recorrida e sentenciada como ilegal. Logo preparou un Protocolo, como nel ben sendo habitual, sen falar con ninguén, sen apoio de ninguén, sen escoitar a ninguén, para detectar e actuar, en 12 días!!! diante dun caso manifesto de acoso escolar e trasladando toda a responsabilidade ós centros.
E no tema que nos ocupa, a convivencia escolar, parece que si, que a Xesús Vázquez Abad, a música militar, si que o sabe levantar, a mala reputación de Paco Ibáñez, adaptación do poema magnífico de Georges Brassens. Por iso non sorprende o Plan Director da Comisión de Seguimento presidida por Samuel Juárez, uniformes, policías, gardas civís, non só para coidar a seguridade fora dos colexios e dos institutos. Tamén dentro. Charlas uniformadas para falarlles ó alumnado de violencia, convivencia, acoso ou ciberacoso. Acaso non existen en Galicia entidades suficientes na sociedade civil para abordar estes asuntos nos colexios e institutos?. Non resulta moito máis axeitado que o tratamento destas realidades as aborde profesorado especializado?. Non temos no mundo académico e universitario persoas expertas nestas materias?.
A que ven, entón, este despregue de efectivos dos corpos e forzas de seguridade do estado por colexios e institutos?. Acaso non teñen mellores ocupacións que facer?. Canto nos custa?.
Por moi satisfeitos que estean na Comisión de Seguimento do Plan Director para la Convivencia y Mejora de la Seguridad en Centros Educativos y sus entornos, deberan limitarse a iso, ós arredores e á contorna dos centros educativos. Do de dentro, por favor, deixádenolo ós profesionais do ensino. Moitas grazas.
Manuel Dios Diz
Presidente
Seminario Galego de Educación para a Paz



















Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continou con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.



