Burela, 11 de setembro de 2013. O alcalde de Burela, José María González Barcia, afirmou este mércores que “o bipartito provincial debe explicar canto antes que vai pasar coa colección Alvaro Gil, na que se inclúe o Torques. Ante a petición da familia de que se execute a sentencia que lle outorga a colección, a Deputación de Lugo non pode poñerse de lado. En Burela queremos que o Torques continúe onde sempre estivo, no Museo Provincial”.
O rexedor burelés lembrou que “hai uns meses, o pleno da Corporación aprobou unha moción pedíndolle á Deputación que negociara coa familia e apoiando en todo momento as xestións do ente provincial co fin de garantir que o Torques quede no Museo Provincial e poida ser admirado por todos os veciños desta provincia. Pois ben, segundo a familia de Alvaro Gil, o bipartito da Deputación nada fixo ó respecto, polo que entendo que é o propio presidente, José Ramón Gómez Besteiro, quen debe dar as pertinentes explicacións”.
“E dado que Burela é concello directamente afectado por terse atopado aquí o Torques, solicitarei unha entrevista urxente co presidente da Deputación, para que me explique non só o que está a pasar, senón o que vai facer a Deputación, se é que vai facer algo, para garantir que o Torques de Burela queda onde está”, afirmou González Barcia.
Barcia considera “moi oportuna e acertada a petición do noso grupo na Deputación Provincial. Nesa institución é na Xunta de Portavoces onde se teñen que dar estas explicacións, e de non ser así haberá que buscar outras fórmulas que obriguen a Besteiro a dar a cara, porque este asunto pode saírlle moi caro á provincia é os veciños e veciñas da mesma”.
O rexedor burelés tamén afirmou que “permitir que se descapitalice culturalmente a provincia, como todo apunta a que así vai ser, e por riba non dar explicacións, debe inhabilitar a calquera para ser presidente da Deputación, co que, se se consuma e por riba hai que pagar as cifras que se rumorean, a Besteiro só lle quedaría un camiño que percorrer”.