A Mariña, 2 de Setembro de 2013. O Bloque Nacionalista Galego (BNG) da Mariña valorou positivamente a concentración convocada este luns, ás 20:30 horas, diante do Concello de Foz, co obxectivo de presionar a Estados Unidos para que desista da súa intención de utilizar a forza contra o pobo sirio e pór así fin ao que os nacionalistas consideramos “unha nova aventura imperialista que lonxe de buscar a restauración da democracia só pretende gañar para Estados Unidos máis recursos naturais. As preto de 200 persoas que participamos do acto de Foz estamos coa nosa presenza aquí obrigando ao Goberno de Obama e o capitalismo mundial a mudar de postura, mesmamente o acontecido no Reino Unido ou as dúbidas de Obama evidencian que a presión dos pobos do mundo poden parar ao imperio”.
O vicepresidente da deputación Antonio Veiga, que deu lectura ao manifesto, afirmou que “non hai ningunha razón que xustifique o uso da forza contra Siria agás a mentira da que está a facer uso o Goberno de Obama insistindo na existencia de armas químicas cando, até o de agora, os inspectores de Nacións Unidas non confirmaron a súa existencia. Xa temos asistido á fabricación de mentiras para xustificar unha intervención militar, como foi no caso de Irak, e que constituíron un engano masivo a opinión pública sobre a existencia de armas de destrución masiva que nunca apareceron”. Para os nacionalistas, “o Goberno estadounidense está a actuar ao estilo Bush; propondo unha agresión imperialista, totalmente ilegal e contraria ao dereito internacional. Non conta co beneplácito do Consello de Seguranza das Nacións Unidas nin ten o prace de ningún organismo internacional. Ademais, Estados Unidos non ten lexitimidade moral nin política para empregar a forza contra Siria; os argumentos que utiliza en defensa da democracia non son válidos, xa que ten acudido a eles para impor gobernos ditatoriais”.
O Bloque Nacionalista Galego amósase convencido de que esta intervención militar só se poderá parar coa presión do pobo, quen reclama unha saída pacífica a este conflito con Oriente Medio; conflito que ameaza ao conxunto da rexión e marca como obxectivo unha futura agresión contra Irán e, por conseguinte, apropiarse dos seus recursos petroleiros e continuar co cerco a países como Rusia e China. “Non é unha guerra contra Siria, se ben o pobo Siria remata por converterse en vítima” afirmou Veiga que continuou indicando que “a agresión a Siria é o primeiro capitulo dunha Terceira Guerra Mundial coa que o imperialismo tenta saír desta súa grande crise económica e que pasa por destruír após BRICS e aos Estados emerxentes e onde xoga un papel central iniciar os preparativos do ataque contra Rusia e Siria a través de Irán. En Siria xogámonos algo máis que a paz no extremo oriente, xogámonos a paz no mundo e na loita pola paz o nacionalismo galego segue na vangarda fronte a aqueles falsos hipócritas que a par que condenan o terrorismo, practícano a nivel internacional violentando as normas do dereito internacional”.
Xa por último Veiga fixo un chamamento a todos mariñáns para que se manifesten en contra desta intervención militar, unha mobilización que se celebrou sobre o lema de “Son tempos de paz, paremos a guerra imperialista”, a par que lembrou que “o recurso a forza e a guerra é o instrumento que utiliza o capital para saír das súas crises cíclicas. Non estamos dispostos a que as clases populares e os pobos do mundo poñan os mortos para que os grandes capitalistas aumenten os seus beneficios e para que os estados imperialistas acentúen o espolio e a rapiña contra os pobos do mundo”.

















Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continou con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.



