Santiago, 23 de outubro de 2013.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica este mércores no Diario Oficial de Galicia (DOG) a incoación do expediente para a declaración de ben de interese cultural da colección de ourivería prerromana de ‘Álvaro Gil’, un conxunto de 44 pezas único polos seus valores artísticos, estéticos e históricos. Desta forma o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad, recoñece o carácter sobranceiro deste conxunto de elementos, que se caracteriza pola variedade, calidade e representatividade das diversas formas e técnicas empregadas na elaboración de xoiería pre e proto-histórica do noroeste, o que a converte nunha fonte única de coñecemento histórico para o estudo da tecnoloxía destes períodos cronolóxicos en Galicia. De aí a importancia de que a cidadanía galega poida ter acceso a estes exemplares de xoiería para a súa consulta, estudo, coñecemento e enriquecemento cultural.
Tras a publicación da incoación do expediente este mércores no DOG ábrese un período de información pública durante o prazo dun mes, que comezará a contar desde o mañá, a fin de que cantos poidan ter interese teñan a posibilidade de examina-lo expediente e alegar o que estimen conveniente nas dependencias administrativas da Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural da Consellería. Ademais, solicitaranse informes aos órganos consultivos pertinentes.
A colección
A colección está composta por 44 pezas -43 de ouro e 1 de prata- que presentan as formas e tipos característicos da ourivería prerromana do noroeste. Este conxunto foi adquirido por D. Álvaro Gil, coleccionista lucense e mecenas, quen a mercou como colección pechada aos herdeiros de D. Ricardo Blanco-Cicerón, incrementándoa a posteriori con pezas tan coñecidas como o Carneiro alado de Ribadeo.
O carácter senlleiro desta colección vese ademais avalado pola presenza de pezas tan emblemáticas como o Colar de Chaos de Barbanza –conxunto formado por 9 doas de ouro que constitúen a mostra máis antiga de ourivería protohistórica do noroeste (calcolítico-bronce inicial: 1800-1600 a.C.)–, e increméntase con outras xoias características do bronce atlántico como aros, brazaletes, pulseiras e outras, contando con exemplares tan representativos como as Gargantillas de tiras de Monte dos Mouros.
Tamén cómpre destacar as pezas pertencentes á cultura castrexa, que son as máis numerosas da colección e que se atribúen cronoloxicamente á idade do ferro. Este grupo de xoias presentan unha variada gama formal, técnica e decorativa que abrangue tipos característicos como pulseiras, adornos de pelo, arracadas, láminas caladas e torques. Estes últimos constitúen o grupo con maior número de exemplares e presentan unha gran variabilidade de factura e motivos decorativos. Entre eles, sobresaen pezas tan representativas para a arqueoloxía como o Torque de Burela.
Singularidade e valores históricos
Todas estas pezas constitúen o conxunto como paradigmático da xoiería castrexa, o que singulariza esta colección fronte a outras do territorio do Estado. A singularidade e valor documental do mesmo deriva tanto do método empregado na súa elaboración (martelado, fundición, baleirado en molde á cera perdida, soldadura) e as técnicas decorativas aplicadas (puntillado, estampación, filigrana), como da súa diversidade formal e tipolóxica (torques, brazaletes, arracadas, adornos de pelo), atributos que a converten nun conxunto de incuestionable valor histórico, artístico e estético.
Desde un punto de vista historiográfico, esta colección sobresae pola importancia que tivo e aínda ten para a arqueoloxía galega, xa que as súas pezas foron estudadas polos grandes investigadores galegos dos séculos XIX e XX (Villaamil y Castro, López Cuevillas, entre outros). Este interese mantense ata a actualidade tal como demostran diversas publicacións de especialistas en ourivería protohistórica, entre as que destacan as de B. Ambruster, A. Perea, A. Balseiro, L. Castro, M.J.Bóveda ou Casal García.





















Evaristo Calvo, Rebeca Montero e Vítor Mosqueira interpretaron o pasaxe que recrea os últimos momentos do Mariscal Pardo de Cela e da súa muller, Isabel de Castro, antes da traizón da Frouseira. A acción cultural, coordinada por Carme Varela e promovida pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, rende homenaxe ao gran dramaturgo do Valadouro no seu primeiro cabodano.
Estiveron acompañados polas dúas técnicas de Xuventude, para gozar dunha mañá nas distintas actividades que ofrece este parque de trampolíns. Pola tarde, o grupo parou a xantar no Lago das Pontes, onde puido coñecer a historia da súa creación e desfrutar dun baño. A viaxe estivo organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e pola Oficina de Información Xuvenil dentro do programa “Verán a Tope en Xove 2026”.
O 112 Galicia tivo constancia do accidente arredor das 13:20 horas deste martes. Segundo varios particulares, dous turismos colidiran no quilómetro 79 da LU-862. Nun vehículo había un ferido, mentres que no outro unha persoa estaba atrapada, aínda que se atopaba en bo estado trala colisión. Desde o CIAE 112 Galicia informouse ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Viveiro, á Garda Civil de Tráfico e á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil do Vicedo. Unha vez no punto, a dotación de bombeiros puido liberar á persoa atrapada.
A Orquesta Mondragón con Javier Gurruchaga á cabeza e Fórmula V con Paco Pastor encheron de lembranzas e de ritmo a noite ribadense. Desde o Concello fan un balance moi positivo do concerto "xa que contribuíu á dinamización económica da nosa vila".
O Campo de Fútbol de As Valgas acolleu as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que pechou unha noite inesquecible.
Alí salientou o papel que desenvolve este evento no impulso dos produtos agroalimentarios de proximidade, ao tempo que favorece as canles curtas de comercialización. Destacou tamén a importancia deste mercado, considerado como un dos máis antigos da provincia de Lugo, xa que ofrece unha ampla mostra dos principais oficios de artesáns da Idade Media. Ademais, permite aos asistentes gozar de actividades variadas e degustar produtos agroalimentarios diversos.
A institución provincial colabora con ambas citas, organizadas pola Asociación Cultural Amigos da Liga Santaballesa, cunha achega económica de 4.000€. García Porto recalcou que “estes eventos son un exemplo de como a historia da emigración pode converterse nun atractivo turístico de calidade, capaz de atraer visitantes e de reforzar o orgullo de pertenza da veciñanza”.