Barreiros, 4 de outubro de 2013. O BNG de Barreiros presentou no pleno do pasado luns unha moción para ser tratada de urxencia, na que solicitaban o acordo do pleno municipal para pedirlle á Xunta de Galiza a inclusión nos orzamentos de 2014 dunha partida que garanta o Servizo de Axuda no Fogar en concellos de menos de 20.000 habitantes. As concelleiras e concelleiros do Partido Popular en Barreiros negaron, co seu voto en contra da urxencia, a posibilidade de tratala en pleno e adoptar o acordo.
Os nacionalistas, argumentaron a necesidade do debate da moción atendendo a que a elaboración dos orzamentos da Xunta terá lugar antes do vindeiro pleno municipal en Barreiros e, entendendo que a Xunta desde o ano 2010 veu rebaixando a súa aportación ao SAF ata desentenderse totalmente, sen aportar nen un só euro, nos anos 2012 e 2013.
Para o BNG de Barreiros, a adopción deste acordo, é fundamental para dar cumprimento ao establecido tanto na Lei de Servizos Sociais como no propio Decreto da Xunta, que tanto gosta de airear o Partido Popular, onde se contempla especificamente que “a Xunta debe garantir a prestación destes servizos nos concellos.”
Á vista da negativa do PP, o grupo municipal do BNG transformou os puntos do acordo en rogos e, no apartado de rogos e preguntas, pediulle expresamente ao goberno local que traslade a petición dunha partida á Xunta de Galiza similar ao 1.200.000€ que se contemplou no ano 2010, para garantir que o concello de Barreiros poida seguir prestando este servizo sen que supoña un encarecelo máis para as persoas usuarias.
Para o BNG, esta actitude é unha nova mostra de que Alfonso Fuente e o Partido Popular de Barreiros “antepoñen os intereses e a disciplina do seu Partido, dictada desde arriba, aos intereses das súas veciñas e veciños; que veñen sufrindo continuamente encarecemento dos servizos como consecuencia dos recortes que a Xunta está aplicando nos servizos sociais sen que o seu alcalde e os concelleiros e concelleiras do goberno municipal abran a boca para defendelos. Desde logo, o Partido Popular con estas actitudes, non está lexitimado para falar de benestar, cando están recortando e asistindo impasibles ao desmantelamento dos servizos públicos. Cando a súa aposta é polo roubo continuado de dereitos ás persoas a cambio de dar beneficiencia”, conclúen desde o BNG.