Lugo, 17 de outubro de 2013. Este mércores o xurado do 1º Premio Galicia de Fotografía Contemporánea escolleu os tres finalistas deste certame, dos que mañá se coñecerá o gañador. Os finalistas son Antonio López Losada por “Pacios 2011, retratos”, Daniel Díaz Trigo por “Posesiones para un olvido” e Jose Rodríguez Romay por “Rururbania Salnés”.
O gañador farase público mañá e como premio recibirá 16.000 euros, a montaxe da súa exposición que se inaugurará en Lugo o 25 de novembro e a edición dun libro que configure a colección «PREMIO GALICIA DE FOTOGRAFÍA CONTEMPORÁNEA» e que se distribuirá nas librarías. Ademais, unha selección de fotografías que o curador nomeado polo Festival Outono Fotográfico decida, formará parte do libro do Festival Outono Fotográfico do ano corrente. Dos tres finalistas, dous son lucenses, o que mostra o bo momento que atravesa a creatividade fotográfica na nosa provincia.
O 1º Premio Galicia de Fotografía Contemporánea é un certame incluído no 31º Outono Fotográfico grazas ao apoio económico da Área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo. Este premio nace coa intención de recoñecer proxectos inéditos de carácter visual-fotográfico no quefacer da fotografía contemporánea por parte de autoras e autores de calquera nacionalidade. As obras premiadas e/ou seleccionadas neste certame serán amosadas ao público a través dunha exposición itinerante que por 5 anos percorrerá diferentes cidades e localidades. Esta itinerancia comezará, precisamente, na sala de exposicións do MPLugo, o 25 de novembro deste ano.