Lugo, 8 de novembro de 2013. O delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, mantivo un encontro este venres con Óliver Laxe e Alberto Gracia para expor as colaboracións entre a área de Cultura da Deputación e os dous cineastas no desenvolvemento dos seus proxectos.
Froito desta colaboración, a web cinemalugo.tv, un espazo coordinado desde a área de Cultura da Deputación, verá incrementados os seus fondos filmográficos coa incorporación da mediametraxe ‘París’, de Óliver Laxe. O filme, de 34 minutos aproximadamente de duración, foi gravada en 8mm na comarca dos Ancares, na provincia de Lugo.
Neste sentido, Mario Outeiro animou “a todos eses creadores noveis que sabemos que están a facer cinema na provincia de Lugo, que aproveiten a ferramenta que lles ofrece a web cinemalugo.tv para darlle visibilidade aos seus traballos”.
“Somos perfectamente conscientes – continuou o delegado – de que neste momento, o sector cinematográfico está en crise, cada día pechan máis cines e se aprecia unha redución orzamentaria das axudas da Xunta de Galiza e do estado; pero pese a todo iso, está a nacer unha nova xeración de novos directores de cinema galego, cunha nova sensibilidade, cunha nova ollada á realidade que nos rodea, cun tratamento diferente”.
Nesta encrucillada, e baixo o obxectivo de achegar este cinema aos actores e actrices da provincia, enmárcase o obradoiro Prácticas de cine, dentro das accións formativas do proxecto Buxiganga que promove a área de Cultura da Deputación, que vai ter lugar na Casa da Xuventude de Mondoñedo a partir de hoxe e até o domingo. Un curso moi intensivo e que servirá para amosar esa nova mirada aos nosos actores e actrices.
“É unha sorte para os nosos actores e actrices poder traballar e aprender de dous verdadeiros profesionais do cinema como son Óliver Laxe e Alberto Gracia, cunha xa importante traxectoria internacional, aí están os premios como o gañador da Quincena de Realizadores Novos do Festival de Cannes por parte de Óliver Laxe no ano 2010 polo filme ‘Todos vós sodes capitáns’, ou máis recentemente o Premio Fipresci no Festival de Róterdam por parte de Alberto Gracia, neste mesmo 2013, polo filme ‘O quinto evanxeo de Gaspar Hauser’”.