A Mariña 9 de novembro de 2013.- O deputado do Grupo Parlamentario Popular e Secretario da Mesa do Parlamento de Galicia, Jose Manuel Balseiro, amosou a súa preocupación pola situación que está a atravesando a empresa Sargadelos e insistiu en demandar unha solución de consenso entre a dirección e os traballadores da cerámica.
Balseiro lembrou que ata o de agora as medidas postas en marcha na compañía -que nos últimos anos estivo afectada por un ERE non extintivo- foron resultado do consenso trala negociación entre as partes e sinala que sería negativo que desta vez puidera non ser froito deste diálogo. Balseiro insiste en que a solución debera partir dunha posición de acordo entre traballadores e empresa.
O parlamentario mariñán asegura que Sargadelos non é un proxecto industrial ao uso, tanto pola súa actividade, como polas características do seu cadro de persoal -maioritariamente feminino-, pero sobre todo porque a cerámica representa un emblema de calidade dos produtos galegos e acadou unha notoriedade que lle levou a converterse nun símbolo de identidade de Galicia.
A Deputación, a única administración que non axuda
Por outra banda, Balseiro amosouse sorprendido polas críticas feitas polos representantes provinciais do PSOE e dixo que agora que a cerámica volve a pasar por unha situación de dificultade a petición de explicacións veña desde a única administración, a Deputación de Lugo, que non ten apoiado a Sargadelos.
“O PSOE o único que fai é criticar: primeiro porque a Xunta non lle deu axudas e despois porque si llas deu, critican unha cousa e a súa contraria. Pero cando chega a hora da verdade o único que fan e poñerse trala pancarta, e ten que ser o Goberno municipal de Cervo e a Xunta quen atope solucións, porque a Deputación de Lugo nin está nin se lle espera”
Nesta liña lembrou que a axuda outorgada pola Xunta no ano 2010 serviru no seu momento para evitar o ERE extintivo e abrir novas oportunidades de negocio que hoxe, se acaban consolidándose, poden servir para que aínda esteamos ante un proxecto viable e con capacidade de superar a crise, nun futuro esperemos que próximo, afastando a posibilidade de peche da empresa.
Ter en conta o esforzo das traballadoras
Balseiro, rematou pedindo aos actuais xestores que presenten un proxecto de viabilidade serio e rigoroso, con totais garantías, e no que se teña en consideración os moitos esforzos realizados nos últimos anos polas traballadoras da empresa, polo conxunto do cadro de persoal, que tamén ten achegado a súa enerxía e sacrificios en defensa da continuidade de Sargadelos.