Cervo, 30 de novembro de 2013- O Concello de Cervo deu a coñecer o programa de actividades para as próximas semanas. En concreto, a nova programación abarca uns días de novembro, todo o mes de decembro e dúas semanas de xaneiro. Titúlase Pasatempos de Nadal e con el dáse continuidade a unha forma de difusión das actividades iniciada na temporada de outono que se fai a través dun folleto conxunto de todas as concellerías.
Unha información que chega a todos os fogares cervenses para que os veciños do municipio coñezan a oferta completa e dispoñan dela nun programa de man moi manexable e útil e, desta maneira, convidalos a participar. Nesta ocasión, ademais das actividades que organiza o Concello inclúense aquelas que poñen en marcha outras asociacións de Cervo e coas que colabora o Consistorio co obxectivo de axudar ás entidades a dar a coñecer os seus propios actos.
Nos Pasatempos de Nadal pódense diferenciar aquelas actividades xa iniciadas nos Pasatempos de Outono ou no Nadal de anos anteriores e que se manteñen pola súa boa aceptación así como múltiples novidades.
Novidades
Son moitas as actividades que se poñen en marcha por primeira vez e que se estenden por todas as parroquias. Unha delas, a máis inmediata, é a exposición de Queralta Blanch “El Quijote y los Derechos Humanos” que se inaugura este domingo nas Carboerias de Sargadelos (18 horas) e que se poderá ver ao longo dos meses de decembro e xaneiro. Tamén é novidoso o Taller de decoración de Nadal para maiores, que se impartirá nos distintos locais sociais e antigas escolas das parroquias.
No ámbito da saúde, ofrécense charlas dietéticas. Cabe destacar tamén as reunións informativas de dous programas de actividades dirixidas exclusivamente para as parroquias como son “Pasatempos en Cervo” e “Enrediños en familia”, e que inclúen iniciativas moi variadas para adultos e o público infantil respectivamente. Non faltarán os espectáculos, especialmente de maxia. En canto ás actividades deportivas, destaca o Campionato de baloncesto infantil.
Continuidade
Entre as que continúan están a Ocioteca, dirixida a nenos e nenas de infantil e primaria na que cada sábado realizan actividades diferentes; o Encontro aberto de música para mozos ou e a Escola de Maiores. Outras das actividades xa habituais son os Enredos de Nadal, para a conciliación da vida laboral e familiar, aínda que neste caso como novidade cabe destacar que se impartirán, ademais de en San Ciprián, en Cervo e en Rúa.
Destaca tamén a elaboración e exposición do belén de plastilina (este mesmo domingo, ás 12 h. na Casa do Concello e ás 17 h. na Casa da Cultura); o Un, dous, tres, neste caso “Especial Lotería” ou a festa acuática infantil na piscina. Tamén son tradicionais as actuacións de corais.
Asociacións
As entidades tamén teñen un oco neste programa, no que se contemplan aquelas actividades que elas organizan e coas que colabora o Concello de Cervo. Entre elas unha charla de saúde sobre a alimentación e a menopausia que rematará cun magosto (30 novembro, 18 horas, Casa do Mar), que organiza a Asociación de Mulleres de San Ciprián. A mesma asociación tamén pon en marcha a actuación das pandereteiras Xiradela.
Ademais inclúense actividades dos Aventados, como a Festa de San Andrés (30 de novembro, 20 horas, Casa da Cultura); a actuación de Teatro O Bordelo “Amores dun Mariñán” para celebrar o 150 aniversario de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro ou a actuación do grupo músico-vocal Bohemios, de Ferrol.
En canto á Asociación de Montes de San Román e a de Mulleres Rurais As Espalladoras poñen en marcha as Xornadas Teatrais con actuacións os días 30 de novembro e 1, 6, 7 e 8 de decembro no pavillón de San Román. O Concello tamén colabora con Alcoa na VII Semana do Medio Ambiente, Saúde e Seguridade.
No eido deportivo, o Club de Tenis de Mesa de San Ciprián organiza o II Torneo de Tenis de Mesa e a ANPA de Cervo pon en marcha unha xornada de convivencia e baloncesto aberta a todos os escolares do municipio.
A Asociación Airiños do Xunco organiza un mercado ecolóxico así como a cabalgata de Reis de Cervo. No caso da de San Ciprián está organizada pola asociación Península da Paz. A asociación Fervenza de Sargadelos mantén a súa Noiteboa infantil, na súa sexta edición. Tamén a asociación Anxuela ofrece actividades de Nadal, como a Arroutada inocente e a festa de Fin de Ano.
PASATEMPOS DE NADAL
TALLER DE DECORACIÓN DE NADAL PARA MAIORES
Ás 10:00
2 de decembro no local da asociación Terramar en San Cibrao
3 de decembro no local social de Castelo
4 de decembro no Ecomuseo de Cervo
16 de decembro nas antigas escolas de San Román
17 de decembro nas antigas escolas de Gondrás
18 de decembro antigas escolas de Rúa
19 de decembro no local social da Senra
CHARLA DE SAÚDE E MAGOSTO
“Alimentación e menopausia”
30 de novembro ás 18 h. na Casa do Mar
Mulleres de San Ciprián/Concello de Cervo
FESTA DE SAN ANDRÉS
30 de novembro ás 20 h. na Casa da Cultura
Concerto de “Vapor de arte” e “Brétema”. Baile de media noite na discoteca Pasos
Os Aventados/Concello de Cervo
XORNADAS TEATRAIS 2013
Ás 19 h. no pavillón de San Román
30 de novembro. A Adala (Fazouro): Sen seu amor
1 de decembro. O Bordelo (Cervo): Abordelar
6 de decembro. Raiolas (Alfoz): Ruídos na casa
7 de decembro. O Batán (Cangas de Foz): Cambadelas
8 de decembro. Ardora (San Cibrao) Xustiza de Lei
Asociación de Montes de San Román/Asociación de Mulleres Rurais as Espalladoras/Concello de Cervo
OCIOTECA
30 de novembro, 14 e 21 de decembro
De 11 a 12:30 horas para infantil
De 12:30 a 14:00 horas para primaria
Na Casa do Mar
BELÉN DE PLASTILINA
1 de decembro ás 12 h. na Casa do Concello e ás 17 h na Casa da Cultura
Entregaranse os premios do XIV Concurso de postais de Nadal
EXPOSICIÓN “EL QUIJOTE Y LOS DERECHOS HUMANOS” DE QUERALT BLANCH
Decembro e xaneiro nas Carboeiras de Sargadelos
Inauguración o 1 de decembro ás 18 h.
VII SEMANA DO MEDIO AMBIENTE, SAÚDE E SEGURIDADE
Do 2 ao 5 de decembro
Alcoa/Concello de Cervo
EXPOSICIÓN DO XIV CONCURSO DE POSTAIS DE NADAL
2 de decembro ao 7 de xaneiro na Casa da Cultura
ESCOLA DE MAIORES
Días 2, 9 e 16 de decembro ás 16 h. no Ecomuseo de Cervo
Días 2, 4, 9, 11, 16 e 18 de decembro ás 17:30 h. na Casa da Cultura
Inscrición aberta
TEATRO O BORDELO “AMORES DUN MARIÑÁN”
Día 7 de decembro ás 20 h. no Auditorio da Casa da Cultura
Os Aventados/Concello de Cervo
150 aniversario de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro
MERCADO ECOLÓXICO
8 e 22 de decembro a partir das 10 h. no pavillón do CEIP Cervo
Asociación Airiños do Xunco/Concello de Cervo
CHARLAS DIETÉTICAS
9 de decembro ás 16 h. no Ecomuseo
11 de decembro ás 17:30 na Casa da Cultura
REUNIÓNS INFORMATIVAS SOBRE OS PROGRAMAS “PASATEMPOS EN CERVO” E “ENREDIÑOS EN FAMILIA”
13 decembro
17 h. en Trasbar
18 h. en Rúa
17 decembro
16:30 h. en San Román
17:30 h. en Castelo
18 h. en Gondrás
18:30 na Senra
XIRADELA ACTUACIÓN DE PANDERETEIRAS
14 de decembro 20:30 h. na Casa da Cultura
Mulleres de San Ciprián/Concello de Cervo
ENCONTRO ABERTO DE MÚSICA PARA MOZOS
14 e 21 de decembro ás 20 h. na Casa do Mar
XORNADA DE CONVIVENCIA E BALONCESTO
15 de decembro de 10 a 18 h. no pavillón do CEIP Cervo
Aberto a todos os escolares do municipio
ANPA do CEIP Cervo
REPRESENTACIÓN DO GRUPO DO TALLER DE TEATRO INFANTIL: OBRA “O BOSQUE ENCANTADO NO NADAL”
20 de decembro ás 19 h. na Casa da Cultura
II TORNEO DE TENIS DE MESA CONCELLO DE CERVO
21 de decembro ás 16 h. no pavillón da Veiga
Inscricións na Casa da Cultura e no teléfono 982 59 51 57
Club de Tenis de Mesa de San Ciprián/Concello de Cervo
ACTUACIÓN DO GRUPO MÚSICO-VOCAL “BOHEMIOS” DE FERROL
21 de decembro ás 20 h. na Casa da Cultura
Os Aventados/Concello de Cervo
ENREDOS DE NADAL
San Ciprián (Casa do Mar) 23, 26, 27 e 30 decembro, 2 e 3 de xaneiro
Grupo 1: de 11 a 12:30 h.
Grupo 2: de 12:30 a 14 h.
Cervo (Ecomuseo) 23 e 30 decembro ás 16 h.
Rúa (antigas escolas) 26 decembro e 2 de xaneiro ás 16 h.
VI NOITEBOA INFANTIL
Xogos populares, merenda, contacontos e a visita de Papá Noel
24 decembro de 17 a 20 h. no pavillón CEIP Cervo
ACR Fervenza de Sargadelos/Concello de Cervo
UN, DOUS, TRES “ESPECIAL LOTERÍA”
27 decembro ás 19 h. na Casa da Cultura
ARROUTADA INOCENTE
28 decembro ás 22 h. San Ciprián
Asociación Anxuela/Concello de Cervo
CORAIS DE NADAL
29 decembro ás 19 h. no Auditorio da Casa da Cultura
FESTA DE FIN DE ANO
31 decembro ás 00:30 h. na carpa da praza dos Campos San Ciprián
Asociación Anxuela/Concello de Cervo
FESTA ACUÁTICA INFANTIL
2 de xaneiro de 17 a 19 h. na piscina municipal de Lieiro
TARDE DE MAXIA CO MAGO RAFA
3 xaneiro ás 19 h. na Casa da Cultura
CAMPIONATO DE BALONCESTO INFANTIL
4 xaneiro durante todo o día no pavillón A Veiga
CABALGATA DE REIS
5 xaneiro
San Cibrao. Ás 13 h. na Casa da Cultura os paxes recollerán as cartas aos reis magos
18:30 h. saída da cabalgata Pavillón A Veiga- Avenida da Mariña-Casa da Cultura
Asociación Península da Paz/Concello de Cervo
Cervo. Ás 19 h. saída da cabalgata. Escolas Vellas-Igrexa (Belén vivinte)-Casa do Concello
Estrearase unha obra do Bordelo
Airiños do Xunco/Concello de Cervo