Rematou en Barreiros un curso de informática que se impartiu ao longo deste mes de novembro na aula CeMIT. Foron un total de 23 as persoas que acudiron. Segundo explica Manuel Pérez, axente TIC en Barreiros, “o curso, que nun primeiro momento estaba programado para un grupo de 12 persoas, tivo que ser dobrado debido á grande demanda que tiña, e así dividimos aos alumnos en dous grupos de once e doce persoas, respectivamente”. Os asistentes a este curso de iniciación á informática aprenderon “a manexar o rato, a crear carpetas, a facer pequenos arquivos de texto e almacenalos, a traballar con fotos, a navegar por internet para poder ler a prensa, ver a televisión á carta, pedir cita para médico e para ITV, buscar unha cidade e percorrela coa Google Street View, comparar prezos e mesmo mercar un billete de autobús, de tren ou de avión”. O curso impartíuse os luns, martes e xoves na aula CeMIT de Barreiros.
