Cervo, 7 de novembro de 2013. A edil de Emprego, Yolanda Pedreira, agradeceu no día de hoxe á Deputación de Lugo o anuncio da próxima posta en marcha dun plan de emprego do que se beneficiarán os concellos de menos de 5.000 habitantes. A concelleira asegurou que “varios veciños se puxeron en contacto co Concello para interesarse por este plan, e amosáronse moi ilusionados”.
Pedreira asegurou que polo momento non puideron dar información aos veciños que a requiriron porque a Deputación non deu máis detalles que os publicados nos medios de comunicación, e nin sequera o Concello de Cervo tivo coñecemento do plan a través do Goberno Provincial. Así, o Concello agarda poder dar máis información ás persoas interesadas nos próximos días.
“Queremos agradecer á Deputación, e por suposto á concelleira de Cervo e vicepresidenta do Goberno Provincial, que apoiase unha medida que vai beneficiar aos veciños de Cervo a través dun plan moi positivo e demandado pola xente” e ao mesmo tempo a edil quixo aproveitar para manifestar o seu desexo de que “Cervo conte co máximo número de traballadores posibles dentro dese abanico de entre 4 a 11 persoas por concello do que se falou na presentación do plan”.