Lugo, 12 de decembro de 2013.- A Xunta Electoral da Cámara de Comercio de Lugo vén de proclamar electas a todas as persoas candidatas a cada unha das 21 vogalías do pleno a elixir mediante sufraxio do electorado, que non terán que concorrer ás eleccións ao ser o seu número igual ao dos membros que se debe elixir.
Estas persoas teñen un prazo de quince días para tomar posesión unha vez reciban a notificación da súa proclamación como electas, e posteriormente procederase á constitución do pleno.
Por outra parte, excluíuse a lista presentada pola Confederación de Empresarios de Galicia para cubrir as outras tres vogalías que debían ser escollidas polo propio pleno entre os profesionais de recoñecido prestixio propostos polas organizacións empresariais.
Esta candidatura non cumpría os requisitos establecidos no regulamento de réxime electoral das cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia, ao non conter un número de candidatos ou candidatas que supere nun terzo o número de vogalías que hai que cubrir. Ao quedar excluída esta candidatura, será o propio pleno, unha vez que se constitúa, o que poida solicitar a presentación dunha nova lista para cubrir estas tres vogalías.