Barreiros, 5 de decembro de 2013. O alcalde, Alfonso Fuente, lamenta que o vicepresidente da Deputación, Antonio Veiga, lles dese as costas aos veciños e ás veciñas de Barreiros no pleno celebrado hoxe na institución provincial e no que o equipo de goberno rexeitou a moción presentada polo PP solicitando a modificación do plan de emprego do que só se beneficiarán 12 concellos da provincia de Lugo.
O rexedor barreirense contou que “hoxe asistía a este pleno da Deputación solicitado polo PP para que se modificase ese inxusto plan de emprego. No caso de Barreiros quedamos fora perdendo a posibilidade eses 11 parados que poderían ser contratados no noso concello de poder traballar e ser subvencionados a través deste plan. Eu tiña esperanzas en que se modificase porque alí na Vicepresidencia da Deputación está o noso veciño Antonio Veiga, e eu agardaba que reconsiderase a postura que mantivo no pleno do Concello onde se opuxo á modificación deste plan de emprego, e insisto en que tiña esperanzas en que modificase a súa postura e que Barreiros puidese optar ao devandito plan”.
Fuente Parga lembrou que “no seu día na Deputación venderon a bombo e pratiño o plan de emprego e despois cando saíron as bases vimos como se excluían moitos concellos e que só 12 podían entrar. Hoxe lamentablemente o vicepresidente da Deputación, Antonio Veiga, volveu darlle as costas aos veciños de Barreiros, votou seguindo a disciplina do seu partido, votou pensando no BNG e deixou fora a posibilidade de que eses veciños puidesen ter ese traballo”. Para o alcalde de Barreiros “cando temos que tomar unha decisión dese tipo temos que pensar nos nosos veciños e veciñas do noso concello. Eu asistía esta mañá a ese pleno en Lugo coa esperanza de que Antonio Veiga modificase a súa postura e poder felicitalo ao final da sesión, como non podía ser doutra forma por parte do seu alcalde, pero me quedei con ese mal sabor de boca de que un veciño noso vote en contra de que Barreiros poda acceder a ese plan de emprego”.
Alfonso Fuente Parga agarda que “mais adiante se faga outro plan de emprego, reconsidere a súa postura e pense nos veciños de Barreiros e non en clave de partido, tal e como fixo no día de hoxe”.