Esta fin de semana varias parroquias ribadenses acollerán sesións de maxia e contacontos da man de Fran Rei e Pedro Brandariz baixo a organización do Concello.
Fran Rei conta a historia de Brancaflor nun espectáculo a medio camiño entre a maxia e o contacontos dirixido polo galardoado co premio María Casares Avelino González. Os 11 pretendentes de Brancaflor asócianse con cadanseu xogo de maxia e ela terá que seleccionar o seu namorado ao longo dunha hora de maxia, contos e humor para grandes e pequenos. As súas sesión desenvolveranse o sábado ás 17.00 horas, no teleclub de Santalla de Vilaosende e o domingo ás 17.00 horas, na escola de Rinlo e ás 19.30 horas no Círculo da Devesa.
Pola súa banda, Pedro Brandariz vai botar os seus contos o sábado na escola de Cinxe ás 21.00 horas e o domingo na escola de Vilaselán ás 17.00 horas.
Gala a favor da Cruz Vermella
E o auditorio municipal Hernán Naval de Ribadeo acolle o sábado 14 de decembro ás 20.00 horas a gala a favor da Cruz Vermella cun prezo da entrada de 5 euros.
‘Anxeliños. Comedia satánica’
Finalmente, o ano Roberto Vidal Bolaño remata en Ribadeo afondando na obra dun dos dramaturgos máis lúcidos. ‘Anxeliños. Comedia satánica’ será posta en escena pola compañía ESPELLO CÓNCAVO. Un texto escrito en 1996 que conta con moita retranca as ruindades económicas e morais dunha sociedade de cobro de morosos. Un texto que podería ser escrito hoxe tomando como motivo a crise actual. Está protagonizada por Isabel Risco, Estíbaliz Veiga, Fernando Morán, Rodrigo Roel e Manu Fernández e dirixida por Arturo López.
A súa representación terá lugar o domingo 15 de decembro no Auditorio Municipal de Ribadeo ás 20.30 horas cun prezo da entrada de 4 euros. O prezo reducido para persoas xubiladas, desempregadas ou estudantes será de 2 euros.