Burela, 4 de decembro de 2013. Este mércores quedou colocado na praza do Concello de Burela “a árbore dos desexos” que lucirá diante da Casa Consistorial desde o vindeiro venres, 6 de decembro, hasta o día de Reis, ámbolos dous incluídos.
A colocación da estrutura metálica foi supervisada polo alcalde burelés, José María González Barcia, e o concelleiro de Comercio, José Casas Martínez. O rexedor indicou que “as distintas actividades que ten previsto organizar ACIA, coa colaboración do Concello, durante o Nadal, destacarán máis co alumeado que hoxe comeza a colocarse”.
Barcia anunciou que, tal e como se informou en días pasados, “en breve serán colocados un total de 32 arcos de luz, nos puntos que ACIA nos ten indicados”, e que funcionarán desde o día 19 de decembro hasta o 6 de xaneiro.
O edil burelés de Comercio, José Casas, confía en que o comercio teña unha boa campaña de Nadal. “Desde o equipo de goberno colaboramos todo o que está nas nosas mans con ACIA, e agardamos que a iluminación de Nadal anime ós cidadáns a saír ás rúas e a dinamizar o comercio burelés, un comercio forte e profesional. Tal e como dixo o alcalde en días pasados, se así contribuímos a manter os postos de traballo, xa nos damos por satisfeitos”, manifestou José Casas.
González Barcia tamén dixo que “desde o Concello recoñecemos o esforzo que se fai desde os comerciantes, e por iso o equipo de goberno se implica, porque vemos que colaborando podemos ser máis fortes e facer máis cousas. Por iso aportamos fondos municipais para sufragar estes gastos”.