O BNG de Alfoz solicita que o Concello de Alfoz se poña en contacto con Augas de Galiza (departamento da Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas competente na materia) para solventar o problema de amoreamento de troncos de árbores nos cortacorrentes da Ponte dos Muíños de Damián, na parroquia de Bacoi.
Os nacionalistas denuncian este problema que se da cos primeiros temporais do inverno e agardan que Augas de Galiza se comprometa tamén a colaborar no mantemento cotián, ademais de colaborar neste caso puntual; xa que “se esta situación non se arranxa de contado, o problema irá in crescendo (segundo avance o inverno iranse depositando máis troncos e pólas) e a situación pode rematar en rebordamentos que poñan en perigo o tránsito viario na estrada, pode causar deterioración do paseo fluvial ou danar as instalacións próximas (almacenaxe de maquinaria, etc.).
Dende o BNG tamén piden que “o Concello de Alfoz controle –nomeadamente durante os meses de outono e inverno- a necesidade de limpeza das pontes e outras infraestruturas con risco de alagamento ou incidencias semellantes, para evitar prexuízos á veciñanza e aos seus bens, así como para garantir a circulación pola rede viaria local”.