Burela, 13 de decembro de 2013. O alcalde, José Mª González Barcia, e o concelleiro de Obras, Manuel Fernández Valle, visitaron este venres as obras que o Concello está a realizar na zona de xogos do parque Rosalía de Castro.
O edil popular explicou que “eses traballos consisten na renovación da totalidade dos xogos da zona dos nenos de mediana idade. Neste momento estanse a colocar os xogos e para a vindeira semana confiamos en que se coloque o chan de caucho e engadirase un bambán (columpio) na zona dos pequenos e tamén se reordenará a zona de xogos destes”.
Fernández Valle dixo que “o investimento ascende a uns 36.000 euros, dos que a Consellería de Presidencia da Xunta aporta preto de 30.000 euros. Tal e como xa indicamos no seu momento a obra estará lista para o Nadal, co que unha vez máis o equipo de goberno cumpre co que di. Cunha achega pequena do Concello faremos unha obra que é importante para o uso e disfrute de todos os nenos e nenas de Burela”.
O concelleiro de Obras engadiu que “os xogos son todos novos, con moito colorido e con formas distintas ás que había para darlle un maior atractivo á zona e o chan de cortiza cambiase por caucho continuo, que da máis seguridade, é mais limpo e máis hixiénico. En total estamos a actuar nunha superficie duns 200 metros cadrados. Con esta remodelación gañamos 50 metros cadrados, eliminando un corredor que había entre as distintas zonas de xogos do parque Rosalía de Castro”.