Lugo, 7 de decembro de 2013.- O Grupo Parlamentario Popular de Galicia, a través do seu portavoz do Mar, José Manuel Balseiro, quixo aplaudir este sábado a iniciativa dos Ministerios de Fomento e Agricultura que, “atendendo ás demandas de Galicia e do conxunto do sector pesqueiro”, veñen de aprobar un Real Decreto que moderniza a normativa sobre tripulacións mínimas nos buques de pesca.
Balseiro salienta o importantísimo paso adiante acadado con esta decisión coa que se actualiza unha normativa con case medio século de vixencia -pois ata o momento estes aspectos estaban regulados por unha Orde Ministerial aprobada no ano 1964- e cuxa falta de adaptación á realidade presente provocaba que, no día a día dos portos galegos, sexa moi complicada a tarefa de completar as tripulacións mínimas necesarias para enrolarse nas embarcacións e poder saír a realizar as faenas de pesca.
MODERNIZACIÓN TECNOLÓXICA
O novo Real Decreto que foi aprobado no Consello de Ministros que tivo lugar o pasado xoves e está pendente da súa publicación no Boletín Oficial do Estado, fixa as tripulacións mínimas de seguridade tanto dos buques de pesca como das embarcacións auxiliares e, por primeira vez, contempla a influencia dos distintos avances tecnolóxicos que se veñen producindo no último medio século e incorporando aos buques pesqueiros e que teñen contribuído a automatizar os sistemas propulsores, incrementar os equipos de seguridade e mellorar as axudas á navegación, á vez que recoñecen os novos perfís profesionais adaptados a estas novas realidades.
DEMANDA DO PARLAMENTO DE GALICIA
Balseiro amosa a satisfacción dos populares galegos con esta iniciativa do Goberno central que en Galicia foi liderada tanto pola Consellería do Medio Rural e do Mar como polo Partido Popular tras múltiples contactos co sector. De feito o portavoz do Mar dos populares galegos lembra que o Parlamento de Galicia aprobaba en febreiro deste ano unha iniciativa promovida polo propio Grupo Popular e na que, facéndose eco das demandas do sector, reclamaba este cambio normativo.
FOGONEIRO
Daquela solo o PP era sensible a esta petición, que non contaba co apoio das forzas da oposición, a pesar de que, tal e como recorda o propio Balseiro “modificar unha orde obsoleta non é un retroceso, senón un avance”.
O parlamentario incluso dixo que a Orde de 1064 contempla tripulantes que xa non existen: como o de fogoneiro, mostra evidente da súa obsolescencia. Desde o PP concluíron asegurando a reforma promovida polas administracións populares pasa por facer compatible a seguridade e operatividade, sen excluír ningún destes aspectos
Finalmente Balseiro quixo poñer en valor a sensibilidade do Partido Popular no marco dun compromiso constante de mellora do sector pesqueiro e indicou que este novo paso dado, en interese da flota, foi posible tras un amplo proceso de diálogo co sector que traballou activamente para consensuar o contido do novo Real Decreto coas asociacións máis representativas de armadores e os traballadores dos buques pesqueiros, así como mantendo múltiples contactos con todas as Comunidades Autónomas do litoral, entre elas Galicia, que lembra Balseiro, agrupa á flota pesqueira máis importante do conxunto de España.