Ribadeo, 3 de decembro de 2013.- O presidente local do Partido Popular, Jesús López Penabad, agradeceu a axuda outorgada pola Xunta a Ribadeo, que este ano recibiu unha achega de preto de 8.000 euros para colaborar na contratación de persoal (dous profesionais) na oficina de turismo durante os meses de verán.
López Penabad quixo poñer en valor esta axudas lembrando que o reforzo da oficina de turismo durante os meses de xuño, xullo, agosto e setembro constitúe unha ferramenta máis para dar a coñecer a Ribadeo e os seus moitos encantos, un municipio que cada ano contribúe a reforzar a nosa provincia como un destino de referencia para os viaxeiros. Ao mesmo tempo a axuda da Xunta garante o mantemento da calidade no servizo da información turística que se presta, de xeito que se potencia a imaxe, non só do concello como tal, senón de Galicia no seu conxunto e no exterior.
Desde o PP aclaran a subvención recibida foi outorgada pola Axencia de Turismo autonómica e está dirixida aos concellos declarados Municipios Turísticos de Galicia, entre eles ao de Ribadeo, que dispón desta consideración tres cumprir unha serie de requisitos como son a afluencia periódica ou estacional de turistas, o número de aloxamentos turísticos e de segundas residencias, entre outros.
López Penabad sinalou finalmente que é a primeira vez que se convocan estas subvencións en virtude da Lei do Turismo de Galicia. A norma determina unha atención preferente nas liñas e medidas de fomento económico da Xunta de Galicia para as entidades locais con este recoñecemento.