Vista Alegre prepárase para vivir unha noite especial que pode ser histórica para o CD Burela Pescados Rubén. A clasificación para a Copa de España Logroño 2014 pasa pola Bomboneira e o espírito laranxa de tantas tardes de gloria estará presente, unha vez máis.
O 4 de setembro de 2001 comezou a escribirse a historia laranxa e o 13 de decembro de 2013 pode sumarse a outras datas históricas da entidade mariñá. Entre ambas, 12 intensos anos de encontros e emocións, con alegrías e tristuras, escalando dende o noso pequeno rincón no noroeste español cara a elite mundial do Fútbol Sala. Obxectivo actual. Quen o diría tempo atrás! Clasificación para a Copa de España. Valo perder? Día: venres 13. Hora: 20.30. Rival: Marfil Santa Coloma Escenario: A Bomboneira.
O momento da verdade chegou e a escadra dirixida por Juanlu está disposta e preparada para conquistar a praza con rumbo a Logroño. O técnico burelés conta co seu arsenal ao completo para o duelo crucial ante o Marfil Santa Coloma. Os cataláns preséntanse en Vista Alegre coa súa clasificación copeira selada e co seu estilo de xogo “alegre e dinámico. Posúen un potencial ofensivo importante no que coma todo o mundo sabe destaca Dani Salgado” comentou Juanlu que prioriza a “ilusión pola ocasión histórica que se nos presenta” sobre o rival en concreto: “Lóxicamente preparamos o encontro coa atención que o rival se merece, pero estamos ante unha oportunidade histórica. Dependemos de nós mesmos, xogamos en Vista Alegre e imos a pola vitoria. Queremos facer historia e premiar á afección”.
Respecto aá presión do encontro, o adestrador burelés recordou que “presión é cando estás abaixo xogándote a permanencia como nos pasaba a tempada anterior. Pasamos momentos difíciles e a afección apoiounos para superalos. Confío plenamente que Vista Alegre nos leve en volandas cara á vitoria”.
O Burela Pescados Rubén clasificase para a Copa de España se:
• Gaña
• Empata e, ben Ríos ou ben Peñíscola, empatan ou perden
• Perde e Ríos e Peñíscola perden
• Perde e Ríos e Peñíscola empatan