CERVO, 19 DE DECEMBRO. Os membros do Grupo Municipal Socialista de Cervo lamentan coñecer de anteman “o rexeitamento por parte do equipo de goberno á emenda que presentamos ós orzamentos de 2014 coa finalidade de modificar certas partidas e crear un Plan de Emprego Municipal”.
Os socialistas lembran que “a nosa reclamación faise en positivo, faise pensando na difícil situación que vamos atravesar no vindeiro ano, faise pensando nos veciños e faise para intentar poñer solución á maior preocupación dos cervenses que é a falta de emprego. Aínda así, parece que dende o Concello non se quere aceptar.”
Vista a proposta da alcaldía para o pleno extraordinario que terá lugar mañá ás 14:00 horas, “intentaremos presentarlles de novo a nosa alternativa para convencelos de que voten a favor, que voten a favor dunha aposta forte polo emprego no noso Concello. Non pretendemos modificar os seus orzamentos, simplemente reducindo en partidas como as de gastos correntes ou gastos diversos, podemos conseguir que 300.000 euros se destinen ó Plan de Emprego Municipal que tanto desexamos”.
Agardan que o equipo de goberno do Partido Popular “entenda e valore como positiva a nosa reclamación, este tipo de previsións pode axudar a moitas familias de Cervo. Esperamos poder aprobar unánimemente esta proposta para que saian gañando os nosos veciños”.