Lugo, 6 de decembro de 2013. O subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo Páez, presidiu este venres na sala de xuntas da Subdelegación o acto conmemorativo do 35º aniversario da Constitución española, un acto no que apelou ao mesmo consenso do ano 1978 como garante da convivencia nacional e do entendemento colectivo para superar os tempos de dificultades económicas no país.
O acto coa presenza de numerosas autoridades civís, militares, xudiciais e eclesiásticas da provincia. Entre elas, o alcalde de Lugo, Xosé López Orozco; o presidente da mesa do Parlamento, José Manuel Balseiro; a delegada territorial da Xunta, Raquel Arias; o presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro; os deputados Joaquín García Díez, Jaime de Olano Díez e José Blanco López; os senadores José Manuel Barreiro, Olga Iglesias Fontal, Dámaso López Rodríguez e Armando Castosa Alvariño; o subdelegado de Defensa, Ricardo Jesús Suárez Delgado; o vicerreitor do Campus de Lugo, Pedro García Herradón; e o bispo de Lugo, Alfonso Carrasco Rouco.
GARANTE DA CONVIVENCIA
No seu discurso, o subdelegado do Goberno destacou o valor da Constitución de 1978 por ser o “garante da convivencia nacional” e “polo que significou e significa para España, pola solidez dos seus valores e fundamentos, e polas ensinanzas que seguen transmitindo o pacto constitucional e mailo espírito da transición”.
Lembrou tamén Ramón Carballo que o noso país “anhelou largamente unha constitución moderna e democrática” o que, ao seu entender, “dá moito máis mérito” ao actual texto constitucional, un texto “que nos converte nun país moderno e foi exemplo de cómo un pobo pode pasar dunha dictadura a unha democracia, restañar as feridas da historia e iniciar un proxecto común”.
O subdelegado referiuse á débeda contraída cos pais da Carta Magna, pois “eles facilitaron a transición á democracia, demostrando que o consenso se constrúe con diálogo e con sentido común, comprendendo e respectando as posicións dos outros”. Neste sentido, considera “unha irresponsabilidade” intentar rachar o espírito de consenso que se acadou no 78. “Se a unidade foi importante nos momentos boiantes para explotar ao máximo as nosas potencialidades, esa unidade antóllase tamén imprescindible para superar calquera outra situación”, asegurou.
Para rematar, o subdelegado do Goberno animou aos presentes e á cidadanía en xeral a seguir avanzando na senda do progreso, “con confianza e optimismo, e asumindo a necesidade de facer esforzos” para demostrar, unha vez máis que, “somos un pobo maduro que ao longo da nosa fecunda historia soubo levantarse logo de caer bruces e fíxoo, ademais, con enerxías renovadas”. Do que se trata agora, dixo, é de “reconstruír e construír, non de buscar a confrontación nin o enfrontamento social”.