Ribadeo, 3 de decembro de 2013. Ribadeo acendeu na tarde deste martes o seu alumeado de Nadal. Foi ao mesmo tempo que se inauguraba o XI Mercado do Nadal.
Concello e ACISA destinan 6.000 euros ao alumeado destas datas, “imos ao 50%, igual que o ano pasado”, segundo explicaba o rexedor esta tarde. O Concello asume ademais os 2.000 euros do consumo. Fernando Suárez subliñaba que “entre ACISA e o Concello queremos facer o Nadal o máis atractivo posible, a pesares dos momentos económicos que estamos a vivir”.
O alcalde de Ribadeo engadía que “mantemos entre ACISA e o Concello o compromiso de colaborar na organización de diversas actividades ao longo do ano para potenciar o comercio e a hostalería locais. Algo que estamos a facer con este recen inaugurado Mercado do Nadal, posto en marcha un ano máis para favorecer o comercio local. Nesa idea incide que por segundo ano consecutivo os 32 artesáns participantes estean nas casetas, nos stands, que situamos nas rúas peonís e comerciais de Ribadeo”.
Fernando Suárez e Ana Martínez convidaron “á xente a que se acheguen a Ribadeo estes días a mercar e a disfrutar do Mercado do Nadal xa tradicional nestas datas na nosa vila, a facer as súas compras na vila e a aproveitar para achegarse a coñecer máis de preto a hostalería local”.
Os stands do Mercado do Nadal estarán abertos de 11 a 14 horas e de 17 a 21 horas ata o vindeiro domingo, 8 de decembro.
Ao acto de inauguración que tiña lugar esta tarde asistiu o vicepresidente da Deputación de Lugo, Antonio Veiga.