Lugo, 7 de decembro de 2013.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de publicar a resolución da primeira convocatoria do Proxecto Combas, un novidoso plan de formación do profesorado que integra algunhas accións que viñan desenvolvendo os centros educativos a través do Plan Anual de Formación do Profesorado, na que este curso participarán un total de 12 centros educativos da provincia de Lugo, en concreto nos que se reflicten na seguinte táboa:
CEIP Santa María: A Fonsagrada
CEIP SAN Xoán: Becerreá
CEIP de Cervo: Cervo
CPR Nosa Sra. do Pilar: Foz
CPR Plurilingüe Martínez Otero: Foz
CEIP Juan Rey: Lourenzá
CPR Cervantes: Lugo
CPR Plurilingüe PP-Franciscanos: Lugo
IES Nosa Sra. dos Ollos Grandes: Lugo
CEIP Álvaro Cunqueiro Mora: Mondoñedo
CEIP Antonio Pedrosa Latas: Viveiro
CEIP Plurilingüe Santa Rita: Viveiro
A través desta iniciativa o departamento educativo da Xunta de Galicia dá un novo impulso aos programas para a mellora da calidade educativa en relación coa formación en competencias básicas en cada centro de ensino, a través da análise das súas necesidades particulares. Trátase dunha nova accións que se enmarca na política da Consellería de fomento da autonomía dos centros á hora de analizar as súas eivas e fortalezas, na mesma liña que os contratos-programa e os plans de formación en centros.
O obxectivo de Combas é apoiar a integración das competencias básicas (CCBB) no currículo na programación que se imparte, a través de concrecións curriculares para cada centro educativo participante, incidindo de forma especial na adecuación metodolóxica e na avaliación. Asemade, os centros participantes terán prioridade para o desenvolvemento de actividades de formación en centros nas próximas convocatorias, un proxecto piloto que se puxo en marcha no curso 2012/2013.
O proxecto é unha iniciativa máis dentro da aposta da Consellería de Cultura e Educación pola formación do profesorado galego como piar fundamental no avance cara á excelencia no ensino.