Lugo, 31 de decembro de 2013. Este martes o pleno da Deputación de Lugo rexeitou a proposta do PP de deter o proceso de alleamento de accións que a Deputación posúe do CB Breogán cos votos en contra do equipo de goberno. O deputado do BNG e vicepresidente da Deputación, Antonio Veiga, defendeu o rexeitamento a esta proposta afirmando que “facendo caso ao PP estaríamos contradicindo o que nos indican os informes da secretaría, de intervención e da asesoría xurídica, que deixan claro que a única vía para proceder ao alleamento das accións é a poxa, tal e como se aprobou e se está a levar a cabo”.
Nesta liña, Veiga destacou que “non podemos ter en conta ao PP porque nós non estamos no goberno da Deputación para malversar caudais públicos, nin para prevaricar nin para facer negocios, e facer o contrario ao que nos indican os informes tanto da secretaría como de intervención sería prevaricar. E moito menos estamos aquí para facer negocios aproveitando a posición que outorga un cargo público. Non somos o PP nin imos tolerar un goberno que funcione como o partido de Bárcenas. É intolerábel a postura do PP a respecto desta cuestión xa que tivo a posibilidade de propoñer alternativas se vía fisuras no procedemento e non fixo nada, co que o único que podemos lamentar é a súa postura de situarse na mentira en relación co Breogán e xogue a desestabilizar o club xusto no momento no que está a atravesar unha situación económica e deportiva envexábeis”.
Por estas razóns, Antonio Veiga afirmou que “non imos permitir que o PP nos dea leccións de breoganismo tras termos aportado 1 millón de euros no que vai de ano ao Breogán e temos que lembrar que a Deputación aportou desde 2003 ao Breogán arredor de 10 millóns de euros. Queremos deixar claro o noso compromiso cun Breo gañador, asentado en Lugo, e neses sentido fixamos as limitacións pertinentes a fin de evitar a deslocalización do club, nunha liña na que tamén agardamos que a gran masa social que arrastra a entidade actúe con corresponsabilidade para facer do emblema do baloncesto lucense un equipo aínda máis grande”.
“Desde o primeiro momento no que entramos no goberno da Deputación mantivemos a nosa postura como nacionalistas de que as administracións públicas non deben facer parte das Sociedades Anónimas Deportivas, tamén nun acto de corresponsabilidade coas persoas que votaron á nosa forza política e de acordo a un programa que para nós, a diferenza do PP, non é papel mollado e polo tanto imos cumprindo, porque o BNG di o que fai e fai o que di” – afirmou Veiga.
Por último, Antonio Veiga denunciou o modus operandi do PP que se aferra agora a unha postura de confrontación cando permaneceu desvinculado plenamente nos órganos de representación da Deputación no Breogán, o Consello de Administración, coa ausencia reiterada do seu representante nas últimas xuntanzas do consello e que eran decisivas no proceso, José Manuel Arias, quen ademais foi o último delegado de Deportes da Deputación no goberno de Francisco Cacharro nunha época na que o Breogán non estaba precisamente “saneado”.