Lugo, 5 de decembro de 2013. Este xoves, no pleno extraordinario que se celebrou na Deputación de Lugo co punto único da aprobación do Plan de Emprego, o PP mantivo a súa negativa a apoiar un plan que xerará 80 empregos en 12 concellos lucenses menores de 5000 habitantes e saíu adiante cos votos dos Deputados do BNG e PSOE.
Durante o debate que se produciu durante o transcurso do pleno, o deputado do BNG e vicepresidente da Deputación, Antonio Veiga, considerou “indignante” a postura do PP, “son os responsables da maior aniquilación histórica de emprego da nosa provincia e veñen agora esixindo solucións a esta Deputación. É o mundo ao revés. En vez de traballar desde as institucións que realmente teñen competencias na materia, o PP lucense dedícase a montar un espectáculo ambulante co drama do desemprego polos concellos da provincia e agora culmina aquí hoxe nesta grande representación”.
Neste sentido, Veiga recriminou á portavoz do PP que “onde está a Xunta de Galiza e que fixo por atallar o desemprego en Lugo? Pola situación que estamos a vivir, nunha provincia que se desangra liderando a destrución de emprego en Galiza e no Estado, a Xunta tiña incluso que ter unha especial atención para nós e, lonxe disto, dálle as costas aos lucenses”.
Da mesma maneira, Antonio Veiga preguntouse “que foi do Plan Impulsa Lugo? Porque até agora o único que vimos del son foron os carteis e os valados publicitarios. Hoxe aquí tráese unha proposta que se vai facer efectiva e que deberíamos celebrar, porque se van beneficiar concellos que antes non recibiron plans de emprego da Xunta de Galiza, concellos pequenos de menos de 5000 habitantes que tamén son quen máis van agradecer a medida, e PP mostra a súa cara máis lamentable, e se cadra tamén a máis sincera, e dedícase a facer política a costa dos parados no que cremos que hoxe culminou cunha actitude bochornosa que nós cremos que non se pode permitir. As institucións non están para convertelas en fonte de actos partidarios”.
Para Veiga, “algo tan grave coma o desemprego que está sumindo ás familias lucenses en situacións que se achegan ao drama social, en moitos casos sen conseguir cubrir as necesidades básicas, non pode resolverse aquí unicamente nunha guerra entre dúas formacións políticas, PP e PSOE, que foron os responsables directos de executar desde os seus gobernos de Madrid cada un a súa reforma laboral das que as súas consecuencias estamos a padecer agora”.
Desde que o PP asumiu o goberno da Xunta as únicas noticias salientables que temos en materia de emprego son os peches e ERES de extinción de emprego de empresas tan importantes como Alimentos Lácteos, Gres Burela, Contrucciones Mon, Tablicia, ECAR, Muebles Hermida, Cementos Cosmos e na actualidade perigan 41 postos de traballo en Sargadelos.