Lugo, 26 de decembro de 2013. O vicepresidente da Deputación de Lugo e responsábel das Áreas de Benestar Social e Deporte, o nacionalista Antonio Veiga, presentou este xoves, no Pazo de San Marcos, o VI Torneo de Fútbol 7 de árbitros de fútbol de Lugo, organizado pola Peña de árbitros de Lugo 9.15 en colaboración co organismo provincial e o Concello de Lugo. No acto de presentación tamén participaron José Manuel Díaz Grandío, concelleiro de Deportes de Lugo, e Óscar Carballo, representante do colectivo organizador.
O Campo de Fútbol do Polvorín acolle esta proba deportiva o sábado 28 e o domingo 29, nun torneo no que se darán cabida a 24 clubs procedentes de Monforte de Lemos, Lugo, Viveiro, A Coruña, Pontevedra, Vigo, Ourense, Palencia, Valladolid, O Bierzo e Cantabria.
Coa organización deste evento deportivo, no que se prevé que participen un total de 300 deportistas, preténdese que o tecido de árbitros contraste ideas e cree convivencia na cidade de Lugo durante esta fin de semana, xerando un momento de lecer mesturado coa práctica deportiva para esquecerse durante uns días das tensións propias da arbitraxe.
Neste senso, Antonio Veiga indicou que “a celebración deste VI Torneo de Fútbol 7 de árbitros de fútbol de Lugo tense convertido tamén nun elemento de dinamización económica da cidade, posto que os deportistas que disputarán os encontros virán acompañados de familiares e amigos, polo que esta fin de semana Lugo encherase de xente, o que supón un gasto na cidade e unha posterior difusión turística da mesma”.