A CIG-Saúde demandaba da consellaría de Sanidade, o pasado 4 de decembro, a confirmación ou desmentido da información que circulaba polos centros hospitalarios do SERGAS segundo a que, a finais dese mesmo mes, se procedería á publicación do concurso para a privatización do servizo de esterilización dos centros hospitalarios. Desde a consellaría non houbo resposta algunha, pero si a publicación do concurso o día 2 de xaneiro. A CIG-Saúde denuncia que para que pasara desapercibido, o anuncio para esta privatización foi publicado no DOUE e nin sequera se informou aos servizos afectados. A data prevista para o inicio dos procedementos de adxudicación é o 1 de marzo e a CIG-Saúde exixe a súa paralización e que a concesión non chegue a ser formalizada.
Segundo a publicación no DOUE o contrato do servizo ascendería a 132 millóns de euros, máis IVE. Para a CIG-Saúde o máis grave é que para a súa privatización non se tivo en conta a opinión dos/as profesionais, xa que nin sequera foron previamente consultados ou recibiron comunicación algunha.
A CIG-Saúde explica que os hospitais públicos do SERGAS contan cos certificados de calidade ISO 9001 que garante a excelencia e calidade do traballo. Este control dos estándares de calidade tamén se fai polos servizos de medicina preventiva dos hospitais. O conxunto do traballo e do control de calidade é prestado por persoal sanitario (TCAEs, enfermeiras/os e médicas/os) e se isto pasa a mans dunha empresa privada tal e como vén de confirmarse “estariamos a falar da privatización da ‘bata branca’, esa que dixeron, tanto a conselleira, como o propio presidente da Xunta que non se ía producir”, denuncia María Xosé Abuín.
A CIG-Saúde advirte do encarecemento de todo o proceso se realmente se chega a efectivizar, xa que o material tería que ser trasladado en camións blindados, con sistemas que preserven un determinado nivel de humidade. De non ser así, o traslado deste material contaminado, en medios de transporte convencionais sería un risco para a poboación.
A ausencia absoluta de transparencia na xestión da consellaría de Sanidade queda evidenciada máis unha vez, xa que con data de 4 de decembro, a CIG-Saúde remitiu un escrito solicitando do SERGAS unha aclaración a respecto deste asunto que nunca chegou a ser contestado. O escrito foi enviado á Directora de Recursos Humanos do SERGAS, ao Director Asistencial e ao Director de Recursos Económicos, Pablo Torres, que é o encargado de publicar os concursos.