A CIG-Saúde A Mariña vén de solicitar da Xunta que deixe sen cubrir as prazas de curas no Hospital da Costa, xa que“estas figuras, lonxe de ser resultado do voluntarismo eclesiástico, son tratados polo Goberno galego como traballadores do Sergas e, actualmente, supoñen un gasto de máis de medio millón de euros por ano”. A central nacionalista reclama que estas partidas sexan destinadas a crear prazas estruturais de persoal sanitario, imprescindíbeis para prestar unha atención sanitaria de cualidade.
Dende a Federación de Saúde lembran que o salario de cada cura é de 13.373,96 euros brutos anuais, se fai o seu labor a tempo completo, e de 6.687,02, no caso dos capeláns a media xornada. En total, o orzamento do Servizo Galego de Saúde para “persoal relixioso” ascendeu nas contas públicas do ano 2013 a 663.614,52 euros.
E por iso que dende CIG-Saúde A Mariña solicitan formalmente que “estas prazas non sexan cubertas e, co diñeiro que lles corresponden, se cren prazas estruturais de persoal estatutario”; isto é, persoal que realiza servizos sanitarios e que resulta “tan necesario para desenvolver a prestación” da sanidade pública, máis aínda nestes tempos de escaseza de traballadores e traballadoras”.
Para esta central nacionalista “é intolerábel” ver o como Sergas amortiza na sanidade da nosa comarca prazas de persoal sanitario nos Centros de Saúde de Cervo, Xove, Ribadeo, así como no Hospital da Costa, “mentres se procede á cobertura con présa das xubilacións do persoal relixioso nomeando pola igrexa e sufragado con diñeiro público de todas e todos a través do Sergas”.
Por todo o anterior, CIG-Saúde A Mariña “solicita a non cobertura destas prazas relixiosas no Hospital da Costa, a súa reconversión en prazas de persoal sanitario e que o Sergas aclare se os criterios á hora de amortizar prazas no sistema galego público de saúde obedece a criterios sanitarios ou polo contrario a motivos ideolóxico relixiosos”.