Este sábado o grupo de Espazo Ecosocialista na Mariña recibe ao Coordinador Nacional Xoán Hermida para traballar na preparación da II Asemblea Nacional do mes de febreiro. Aproveitaremos a súa presenza para adiantar aos medios locais a moción que imos presentar no Concello de Ribadeo pedindo o apoio á Iniciativa Lexislativa Popular presentada o pasado 15 de xaneiro no Congreso dos Deputados polo Movemento contra o Paro e a Precariedade para a implantación da Renda Básica.
Contra as 20:00 horas xuntarémonos na cafetería Cantón nunha sesión aberta para analizar a conxuntura económica e social tralas medidas tomadas polos gobernos do PP na Xunta e no Estado. Falaremos das nosas alternativas, así como do panorama ante as eleccións europeas do mes de maio. Como non podería ser doutro xeito, reflexionaremos tamén sobre dificultades que a propia AGE está a atravesar na súa consolidación como ferramenta transformadora da esquerda nacional.
Son benvidos todos aqueles que queiran gozar dunha charla amena, cordial e construtiva sobre a actualidade política galega.