Manifesto do Observatorio que se leu na concentración que tivo lugar na Praza dos Campos de San Cibrao en repulsa polos dous asasinatos machistas:
Boa noite, aínda que é unha noite ben triste.
Dende o Observatorio da Mariña pola Igualdade queremos expresar de maneira pública o noso máis rotundo rexeitamento aos asasinatos de María José Suárez e Adela López, mulleres de Cervo a quen se lles arrebatou a vida como consecuencia da violencia machista que afecta á nosa sociedade. Por suposto, unímonos á súa familia e amizades nestes momentos de dor, e queremos trasladarlles tamén publicamente o noso máis sentido pésame.
Mais concentrámonos hoxe aquí tamén porque, como asociación feminista que levamos xa case 6 anos traballando pola igualdade de xénero na nosa comarca, queremos facer un chamamento a toda a sociedade para que todas e todos (veciñas e veciños de Riocobo, de Cervo, do resto da Mariña e de toda Galiza), nos posicionemos enerxicamente en contra de todas as diferentes manifestacións que ten a discriminación machista; para que rexeitemos e denunciemos con contundencia todos os exemplos de discriminación sexista que sufrimos as mulleres, e das cales os feminicidios (ou asasinatos de mulleres, como os destas dúas veciñas de Riocobo), constitúen o exemplo máis extremo.
O feito de que esta traxedia sacuda agora a nosa comarca é, certamente, terríbel. É unha noticia tráxica, e cústanos entender qué puido pasar para que hoxe María José Suárez e de Adela López xa non estean entre nós.
Porén, esta terríbel traxedia demostra que a violencia contra as mulleres non atende a cuestións de idade, de raza, de relixión, de clase social, de posicións económicas. Calquera muller podemos ser vítimas da violencia machista, simplemente polo feito de termos nacido mulleres.
Debemos ter moi presente que a violencia machista é, desgraciadamente, un fenómeno global. Debemos lembrar que cada día se producen asasinatos de mulleres en todo o planeta, e a repulsa e condena contra os asasinatos de mulleres debe estenderse a escala planetaria. Tamén debemos recordar que a violencia de xénero comeza a manifestarse cada vez a idades máis temperás, xa na adolescencia. E debemos ter claro que os asasinatos de mulleres son a consecuencia última da cultura machista e patriarcal que impera na nosa sociedade, no noso planeta. Porque, insistimos, o único delito que cometeron estas mulleres asasinadas, foi o delito de ter nacido mulleres nun mundo que nos discrimina, dun mundo que en moitas facetas nos considera aínda seres inferiores.
Desde o Observatorio da Mariña pola Igualdade estamos convencidas de que a educación en valores de igualdade é a mellor ferramenta para vencer a violencia machista. Por iso, para poder loitar contra estas discriminacións, para evitar estes desenlaces fatais, son precisos máis medios por parte dos poderes públicos.
Estamos vendo como nos últimos anos se recortan os recursos persoais e materiais para loitar contra a discriminación en xeral, e contra a violencia machista en particular:
• Redúcense as contías nos orzamentos para loitar contra esta lacra social
• recórtanse as prestacións económicas para que as mulleres que sofren violencia poidan refacer a súa vida (como o salario da liberdade); de forma que como denuncian as nosas compañeiras de “Ve-la luz”, estas mulleres son vítimas por partida dobre: primeiro, por parte dos seus maltratadores; e despois, por parte das institucións que desatenden as súas necesidades.
• cada vez dótanse de menos medios materiais e humanos as casas de acollida ou centros de información ás mulleres,
• diminúense os medios para a formación en materia de xénero por parte de profesionais nos ámbitos xurídicos, sanitario, forzas e corpos da seguridade do estado
• caen os medios para formación en xénero por parte das e dos xornalistas, que son quen logo teñen que informar á sociedade sobre esta lacra social
• e recórtanse tamén os medios no ámbito educativo; a pesar de que, como dixemos, a solución contra a violencia machista pasa por fomentar os valores co-educativos e a educación en igualdade xa desde a escola.
Por todo isto, desde o Observatorio da Mariña pola Igualdade reivindicamos que a loita contra os feminicidios que acontecen na nosa contorna sexa un asunto prioritario, tanto no gobernos locais e autonómico, como goberno no estatal.
É fundamental que mulleres e homes tomemos consciencia da necesidade de comprender este problema como o que realmente é: unha gravísima mostra de violencia que afecta ao conxunto da sociedade, e do que o conxunto da sociedade é vítima. En nós está o problema e de nós, de nosoutras e de nosoutros, debe saír a solución.
A última muller asasinada como consecuencia da violencia machista en Galiza no ano 2013 residía no Concello pontevedrés de Marín. A ela súmanse agora, infelizmente, María José Suárez e Adela López, estas dúas nosas veciñas mariñás de Cervo.
NIN UNHA SOA MORTA MÁIS!
Desde o Observatorio da Mariña pola Igualdade berramos, e pedímosvos que berredes con nós: NON MÁIS MULLERES MORTAS! NON MÁIS ASASINATOS MACHISTAS!
Observatorio da Mariña pola Igualdade
San Cibrao, 16 de xaneiro de 2014
www.observatorioigualdade.org