Burela, 21 de xaneiro de 2014. O Concello de Burela conta xa cos seus presupostos de 2014 aprobados definitivamente, logo de que, rematado o prazo de exposición pública preceptivo pola normativa vixente, non se tiveran presentado alegacións ó mesmo.
O concelleiro de Economía, José Casas Martínez, afirmou que “deste xeito, e logo de que se publique o preceptivo anuncio no boletín da provincia, os presupostos son xa totalmente executivos”. De feito, tal e como asegurou o edil, “o equipo de goberno ten xa previstas unha serie de actuacións en materia de servizos sociais que queremos poñer en marcha de forma inmediata”.
Os presupostos do concello de Burela aumentan en 2014 un 3’2% con respecto a 2013, pasando de 6.235.000 euros en 2013 a 6.439.000 euros en 2014. Casas Martínez manifestou tamén que “estamos pechando o 2013 e dentro dunhas semanas coñeceremos a liquidación do ano pasado. Rematamos moi axustados, pero cremos que cumprimos unha das nosas máximas, que é non gastar máis do que ingresamos e pagar o que se debe. De feito, dixo Casas, os provedores recoñecen o esforzo que estamos a facer, logo de ter que facer fronte ás facturas que outros gastaron e non pagaron”.