Andando xa o 2014 queremos desexar a tódolos cidadáns do noso país e en especial ós ribadenses un bó presente e un mellor futuro. Un futuro que debemos construír con paciencia pero con decisión, con esperanza pero tamén con confianza, porque a cidadanía é consciente de que se están sentando as bases do fortalecemento da nosa sociedade, e a pesares dos axustes e recortes económicos seguimos confiando en que son temporais e seguimos á espera de que poidamos recuperar o posto que nos corresponde como traballadores e cumpridores dos deberes do Estado, e superar definitivamente o sentimento negativo que aínda notamos.
No ámbito local este grupo quixo manter a mirada firme nos obxectivos que nos propuxemos e que nos foron propostos e este sentimento de participación positiva demostrouse na aprobación inicial do Plan Xeral de Ordeación Municipal, no proxecto común de residencia, no apoio á solución das preferentes, e na procura dun plan de xestión para As Catedrais. Temas todos eles que polarizaron de forma unánime a actividade política.
Da mesma forma pero tratado de xeito diferente, a interrupción do Pavillón, a nova redacción da RPT e as distintas modificacións de taxas ó alza para adecuar os recursos do Concello ós tempos que corren viñeron a primer termo da discusión política municipal.
A nosa responsabilidade política estivo claramente marcada polos intereses do noso pobo, tanto nas propostas que apoiamos como nas que este grupo decidiu rexeitar, fuxindo no noso caso concreto como grupo na oposición, de brindis ó sol e de peticións que sabemos a priori que non serán viables, o cal non é negar posibilidades á nosa vila, senón que é un exercicio de auténtica democracia que apunta claramente a un proceder claro e diáfano do noso traballo. A conciencia cidadá e o diálogo racional fundamentan as bases das nosas intervencións nos plenos nos que cada un dos catro membros tivemos unha participación directa e por tanto completa, interrogando e matizando o discorrer do goberno municipal.
A inauguración de rúas na procura de “facer vila” cos protagonistas do noso pasado irrenunciable e distintos nomeamentos e recoñecementos a institucións, grupos e persoas catalizadores do acervo cultural do noso pobo salpicaron con lembranzas, optimismo e esperanza de futuro o ano que está rematando.
De entre tódalas actitudes posibles e con toda esta problemática ó noso redor, o traballo do GRUPO MUNICIPAL DO PP no Concello de Ribadeo pretende conciliar posturas que favorezan ó pobo ribadense e favorecer e axudar na toma de decisións que posibiliten un crecemento positivo da nosa sociedade, veñan de onde veñan.
Queda moito que facer, e moitos problemas que solucionar, e a actividade deste grupo municipal estará sempre do lado das necesidades do pobo de Ribadeo. Con este desexo e esta actitude comezamos con todos vos un Novo Ano que agardamos que amose por fin o lado positivo que merecemos.