Mondoñedo 22 de xaneiro de 2014.- O Partido Popular de Mondoñedo denuncia o abandono que sofre o edificio da Casa da Xuventude por parte do goberno local, que está a provocar danos na infraestrutura e dificulta a utilización do local para o fin que foi adecuado no seu día polo Partido Popular.
En concreto, os populares denuncian que o edificio presenta goteiras que están a provocar o levantamento na tarima de madeira que cubre o chan, froito da falta de mantemento e coidado do máximo responsable, Orlando González.
Neste senso, os populares piden actuacións inmediatas sobre esta edificación dirixida principalmente a actividades de recreo e ocio, sendo o punto de encontro diario de mozos do municipio. Ademais, a Casa da Xuventude alberga o salón de actos máis utilizado para diferentes reunións e encontros.
Importancia de manter en bo estado o edificio
Deste xeito, o Partido Popular de Mondoñedo reivindica a importancia de preservar en bo estado este edificio, reformado polo Partido Popular durante o seu mandato e que agora o PSOE e o BNG teñen o deber e a responsabilidade de realizar as labores de mantemento da infraestrutura.
A falta de coidado e implicación de Orlando González está a provocar que a humidade provoque deterioro no chan, feito que agora se ve acrecentado coas goteiras existentes no edificio.
O PP conclúe ao asegurar que “xa non se trata de facer, senón de manter o que se ten”.