Lugo, 24 de xaneiro de 2013.- O Grupo Provincial do Partido Popular denunciou que a Deputación de Lugo concedeu, só nos dous últimos anos e a través do procedemento de excepcionalidade, máis de 145.000 euros a asociacións vinculadas a partidos políticos e sindicatos afíns ao bipartito.
Os populares ofrecen novos datos que veñen a demostrar o comportamento indebido e partidista que está a levar a cabo o socialista Jose Ramón Gómez Besteiro e os seus socios nacionalistas na xestión e uso dos fondos públicos de todos os lucenses.
Desde o Grupo Provincial Popular achegaron copia dos Boletíns Oficiais da Provincia de Lugo (BOP) onde aparecen a listaxe de subvencións outorgadas pola Deputación a estas entidades afíns ao bipartito durante os anos 2012 e 2013.
BENEFICIARIOS
Así, o GPP refire a axudas aprobadas a entes como a Fundación Luís Tilve destinada ao fomento e coñecemento da difusión da historia do movemento sindical en Galicia, en particular da UXT; a Fundación Bautista Álvarez, vinculada a UPG, e a Fundación para o estudio e a divulgación da cuestión social e sindical en Galiza (Fesga) ligada á CIG (Confederación Intersindical Galega)
PROCEMENTO DE EXCEPCIONALIDADE
Os populares denuncian que Besteiro está a favorecer anualmente e de forma descarada, co diñeiro dos lucenses, a colectivos vinculados co PSOE e o BNG, pero ademais que o está a facer a través dun procedemento extraordinario ao que, segundo o establecido na lei, só se debería recorrer cando se acreditan razóns de interese público, social, económico ou humanitario, ou outras debidamente xustificadas que dificulten a súa convocatoria pública.
Deste xeito, Besteiro evita ter que aprobar as axudas a través dunha convocatoria ordinaria, que suporía facelo en libre concorrencia ou, o que é o mesmo, nun procedemento polo que todos os colectivos interesados en recibir estes apoios poderían participar en pé de igualdade.
Os populares amosan documentalmente un novo exemplo do proceder partidista de Besteiro que continúa facendo uso dos cartos públicos provincias para favorecer aos seus afíns. Esta denuncia engádese aos datos xa coñecidos como son o pago de facturas polos xantares dos que asistiron aos congresos do sindicato socialista UXT e outros apoios excepcionais a moitas asociacións vinculadas ao bipartito.