Os concelleiros do Grupo Municipal Socialista de Foz queremos amosar o noso total rexeitamento á privatización de servizos que está a levar a cabo o Goberno do Partido Popular no noso Concello, e, en concreto, no que ás labores de xardinería se refire, pois, dende que os populares entraron no goberno local, os socialistas vimos denunciando que se invirtan cada ano varios miles de euros na contratación de empresas externas para a prestación do servizo de mantemento de xardíns e zonas verdes, tarefas que, dende sempre, se realizaran polos traballadores do concello.
A este respecto, a voceira, Rosa Pérez Gradaílle, declara que: “Os socialistas non estamos dacordo coa privatización de servizos que está a levar a cabo o goberno popular no concello de Foz e xa hai tempo que o vimos denunciando. Durante o pasado ano, reprochamos ao Sr. Castiñeira que, a través dunha empresa externa ao concello, gastara máis de 6.000 euros soamente no acondicionamento do xardín da Casa Consistorial, e que viñera invertindo varios miles de euros no mantemento das rotondas, algo que consideramos absolutamente innecesario”.
“E agora”, manifesta a voceira socialista, “nos amosamos totalmente en contra de que o alcalde pretenda invertir 72.000 euros do peto de tódolos veciños de Foz na contratación dunha empresa externa ao concello para realizar labores de xardinería, pois pensamos que estos cartos deberían destinarse a outros servizos que consideramos prioritarios, como reforzar a Axuda no Fogar”.
Dende o Grupo Socialista de Foz recomendamos ao Sr. Castiñeira e ao seu Equipo de Goberno que, se consideran que no concello non se dispón de suficiente persoal para levar a cabo as tarefas de xardinería, convoquen novas prazas para reforzar dito servizo municipal, de xeito que se cree emprego directamente dende o concello, en lugar de continuar privatizando servizos, pois pensamos que sería unha forma máis axeitada de invertir os cartos dos nosos veciños.