A agrupación local da AECC de Viveiro continúa coa celebración dunha serie de actos para concienciar ós veciños de Viveiro e A Mariña da necesidade de contar coa implicación de todos na loita contra o cancro.
Nesta ocasión, e con motivo do Día Mundial contra o Cancro que se celebrou este
martes 4 de febreiro, dende a agrupación de Viveiro organizouse unha interesante xornada baixo o título “Taller sobre las medidas de prevención del cáncer: aspectos genéticos hereditarios y medidas de prevención higiénicas” que terá lugar o vindeiro sábado 8 de
febreiro ás 19:00 horas nas instalacións do Casino Náutico de Viveiro.
Para este evento contarán cunha poñente de luxo, Olga Roca Bergantiños, unha profesional de recoñecido prestixio e ampla experiencia: enfermeira e Técnico Superior en Riscos Laborais e, na actualidade, Responsable de Calidade da EOXI: Lugo, Burela e Monforte.
A súa ampla experiencia en torno ao cancro vén avalada por 15 anos como enfermeira do Hospital de Día Onco-Hematolóxico en Lugo onde tamén participou en ensaios clínicos de medicamentos de quimioterapia e ten publicado artigos relacionados coa prevención e tratamentos de enfermería e coidados do paciente con cancro.