Lugo, 24 de febreiro de 2014. A área de Cultura da Deputación de Lugo e a Rede Museística Provincial colaboraron coa Asociación de Escritores en Lingua Galega na organización dun acto de homenaxe á poetisa galega por excelencia, Rosalía de Castro, coincidindo co aniversario do seu nacemento.
A institución provincial, que vén de aprobar declarar o 24 de febreiro como Día de Rosalía, colabora con esta actividade no seu afán de difundir o coñecemento da súa obra entre as galegas e os galegos, especialmente entre as xeracións máis novas para fomentar o amor á lingua galega e comprender a identidade cultural de Galiza.
No transcurso o acto, no que participou o delegado provincial de Cultura, o nacionalista Mario Outeiro; fíxose unha lectura da obra de Rosalía que contou co acompañamento musical de Paula Rancaño, e no que o deputado recitou o cuarto fragmento do poema “A Gaita Gallega”. Así mesmo, agasallouse a todos os presentes cun libro en lingua galega e unha flor.
Durante a súa intervención, Outeiro lembrou que “Rosalía de Castro é a escritora máis representativa da lingua e da literatura galegas e a publicación do seu libro Cantares Gallegos, foi o primeiro escrito integramente en galego, e desde a vontade firme e inequívoca do seu significado, sinala o inicio da restauración do uso escrito da lingua galega e o final de séculos de silencio e esquecemento”.
Neste sentido, o delegado precisou que “a recuperación literaria e lingüística da Galiza ten unha enorme débeda coa súa obra, que marca a ruptura da marxinalidade do galego e desafía a sociedade do seu tempo a través dun discurso comprometido coa súa terra, coas súas xentes e coa súa lingua” e insistiu en que “a galeguidade intrínseca dos seus textos, a comunicación e entendemento permanente co seu pobo, ao se dirixir a el no seu idioma propio, foi o que a fixo tamén poeta de todos os pobos, chegando a formar parte da nómina de escritoras e escritores máis destacables da literatura universal de todos os tempos”.
“A diferenza do interese da Deputación en homenaxear a Rosalía, a Consellaría de Cultura non recolle, para o ano 2014, o 24 de febreiro como Día de Rosalía no seu Calendario do Libro e da Lectura, como viña sendo habitual, un feito que só se pode enmarcar no intento de ocultar a figura dunha Rosalía viva, radical, culta e comprometida que hoxe grandes sectores da poboación coñecen e admiran” – concluíu Outeiro.