Un ano máis desde a Asociación de Axuda ó Enfermo Mental a Mariña queremos seguir participando e gozando das tradicións da nosa terra e, para iso, o xoves día 27 de febreiro celebramos o Entroido.
A celebración terá lugar na Unidade Residencial da Mariña (Cervo), onde se xuntarán os usuarios e profesionais de todos os dispositivos cos que conta a entidade (Centro de Rehabilitación Psicosocial en Burela e Ribadeo, Piso protexido e Unidade Residencial).
A media mañá (12h) vestirémonos cos disfraces que se elaboraron no taller de costura, no que este ano se elixiu o disfrace de gato/a. Posteriormente celebraranse xogos populares e realizarase un baile de disfraces, onde gozar do tempo libre e da compañía mutua convértense en obxectivos principais que redundan positivamente na calidade de vida dos nosos usuarios e na súa estabilidade terapéutica, ademais de servir de motivación e experiencia positiva para a realización de novas actividades.
A mediodía (14 h) terá lugar unha comida na que o menú pretende render homenaxe ás tradicións da terra e do Entroido: caldo galego, pito asado con patacas, filloas recheas de crema e rosquillas.
Sen lugar a dúbidas, unha gran festa para unha data tan especial….