Ante a noticia publicada por diversos medios de comunicación, na que figura que supostamente cobrei dietas por non asistir ós consellos de administración da Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao, quero puntualizar as seguintes cuestións:
PRIMEIRO: En primeiro lugar, quero manifestar publicamente que non me consta tal situación.
Por este motivo, dende o primeiro momento que tiven coñecemento deste particular polos medios de comunicación, e co obxectivo de actuar con transparencia e máximo rigor, como non podía ser doutro xeito, púxenme en contacto coa Autoridade Portuaria para que se me indique se existe algún pago de dietas na miña persoa que se correspondese con algunha reunión á que non asistira.
SEGUNDO: Creo que ningún cargo público debe cobrar por non asistir a este tipo de consellos.
TERCEIRO: Tendo en conta o anteriormente exposto, e no suposto caso de que esta situación fose real, repito, eu non teño constancia de que así sexa, informo de que, tamén solicitei á Autoridade Portuaria que se me facilite o número de conta e o importe para proceder á devolución íntegra de todos as cantidades que puidese ter recibido e non se correspondesen coa asistencia aos citados consellos.